A Illa das Esculturas, coñecida tamén coma Illa do Covo é unha das paisaxes máis representativas da cidade de Pontevedra. A súa situación privilexiada sitúaa nun enclave de gran valor natural e paisaxístico, unha zona do río Lérez declarada coma Lugar de Importancia Comunitaria (LIC), que forma parte de Rede Natura 2000. Este espazo natural dispón ademais de carril bici, paseos, pontes, fontes e mesmo dun parque infantil, facendo deste un lugar apto para tódalas idades.
A Illa do Covo amosa unha perfecta simbiose entre natureza, arte e paisaxe, ao acoller na súa superficie a Illa das Esculturas, un proxecto artístico pioneiro en España. Os artífices do proxecto foron Rosa Olivares e Xosé Antón Castro, dando lugar a unha interesante exposición permanente de esculturas de pedra ao aire libre nunha contorna única ás beiras do río Lérez. O proxecto fíxose realidade en 1999, con motivo da celebración do Ano Santo Xacobeo. En tódalas obras está presente o granito, como unha especie de homenaxe a este material tan presente na cultura galega, dende a antigüidade ata os nosos días. Doce artistas foron invitados para realizar proxectos específicos para a Illa, e cada un deles ideou unha obra que se relaciona coa paisaxe, a tradición do lugar, a historia da escultura e da pedra, e moi especialmente coa esencia do home e a súa relación coa natureza. Este lugar é hoxe o meirande museo de arte contemporánea ó aire libre de Galicia.
Algunhas das esculturas máis sobresaíntes son o labirinto de Robert Morris, que se inspira nun dos petróglifos de Mogor (Marín); a casa sen fiestras de Pedro Croft, que invita a gozar da natureza que se atopa ao seu derredor; a pirámide de Dan Graham, con pirámides invertidas no seu interior que imitan o reflexo da figura no río, o Saavedra de Francisco Leiro, unha saliña no medio do rio, son un exemplo dalgunhas destas esculturas que se adaptaron ó lugar e que dalgún xeito renden homenaxe á cultura e a historia de Galicia.
Artistas e obras
– Giovanni Anselmo: Ceo acortado
– Fernando Casás: Os 36 xustos
– José Pedro Croft: S/T
– Dan Graham: Pyramid
– Ian Hamilton Finlay: Petrarca
– Jenny Holzer: S/T
– Francisco Leiro: Saavedra. Zona de ocio
– Richard Long: Liña de Pontevedra
– Robert Morris: Labirinto de Pontevedra
– Anne & Patrick Poirier: Unha Folie ou Pequeno Paraíso para Pontevedra
– Ulrich Rückriem. S/T