Pontevedra é un destino que desprende tradición, historia e cultura polos seus catro costados. É un deses lugares nos que o encanto reside en cada monumento, en cada rúa e en cada unha das súas prazas. Isto quere dicir que non hai que agardar a estar fronte ó Santuario da Peregrina ou á Basílica de Santa María a Maior para que a estampa cause fascinación. A capital das Rías Baixas é fermosa en cada recuncho, e sen dúbida as súas prazas merecen unha mención especial.
Praza do Teucro
Antigamente do pan e do leite, a praza do Teucro fai honra á lenda que di que este heroe foi o fundador da cidade, tras chegar ás súas costas despois da Guerra de Troya. A elite renacentista da cidade promulgou este mito para ennobrecer e dar prestixio á vila. A do Teucro foi a praza máis señorial da cidade, e inda hoxe conserva parte das casas nobres que a rodeaban nos séculos XVII e XVIII, ademais de acoller unha grande riqueza heráldica, proba de isto, a casa da familia Gago e Montenegro, unha das xoias do barroco civil galego.
Ó fondo da praza, na rúa Real, destaca o pazo do Marqués de Aranda e Guimarey, cuxo escudo de armas é o único da cidade que conta con dous tenantes, figuras situadas a cada lado. Esta praza era o lugar tamén do gran pazo de os Condes de San Román, un dos máis grandes da cidade cun impoñente patio interior.
Plaza do Teucro
Praza de Méndez Nuñez
A praza de Méndez Núñez era anteriormente coñecida como a praza das galiñas ou da herba. Casto Méndez Núñez foi un contra almirante que viviu e morreu en Pontevedra, concretamente na casa do arco que preside a praza e cuxa orixe remontase ao século XV e á liñaxe dos Cruu. A historia desta personaxe non só está ligada á fragata Numancia senón tamén á Guerra do Pacífico entre Perú e Chile contra España. Méndez Núñez foi coñecido coma o heroe do Callao pola súa grande aportación á Campaña do Pacífico e tras o seu falecemento os seus restos foron trasladados en 1883 ó Panteón de Marinos Ilustres de San Fernando, en Cádiz.
Máis tarde, por iniciativa de Jesús Muruais, esta casa albergou unha importante biblioteca particular a finais do século XIX e comezos do XX, con máis de catro mil volumes, xornais e revistas. Esta biblioteca posuía a meirande colección de literatura francesa de toda Galicia e converteuse nun escaparate das últimas correntes artístico literarias. Tamén foron famosos os faladoriros nos que participaba Ramón María do Valle-Inclán gran amigo de Jesús Muruáis ao que dedicará a súa segunda obra. Pola seu relación con este lugar, situase na praza unha escultura de Valle-Inclán, instalada en 2003 e obra do escultor César Lombera.
Arco na Praza de Méndez Nuñez
Praza da Verdura
A praza da Verdura, cuxa denominación antigamente era a de Feira Vella, forma parte da segunda ampliación da muralla realizada no século XIV. Foi lugar de celebración de mercados de todo tipo ó longo da súa existencia, ata que se consolidou como sede do mercado diario de verduras e hortalizas.
Na praza atópanse a Casa da Luz, en 1888 unha central térmica cunha gran cheminea de ladrillo para a transformación da enerxía térmica en eléctrica, pois Pontevedra foi a primeira cidade galega, e unha das primeiras de España, con luz eléctrica. No outro extremo da praza sitúase unha das catro fontes de ferro do século XIX que o arquitecto Sesmero encargou para a cidade e que representan a primeira traída de augas de Pontevedra. Outra das xoias desta praza é a farmacia de Enrique Eiras, inaugurada no 1876, que conserva no seu teito unha impoñente pintura dunha muller medio núa acompañada dun grupo de anxos e motivos florais e onde se pode ler “Ars cum natura ad salutem conspirans” (A arte colaborando coa natureza en pro da saúde).
Ambiente na Praza da Verdura
Praza das Cinco Rúas
Na praza das Cinco Rúas, nome que recibe por entrecruzarse estas vías nela, unha placa sinálanos a casa na que viviu Vallé-Inclán. En Pontevedra estudiou o bacharelato e publicou a súa primera obra, Femeninas. Con todo, un dos elementos que máis chama a atención na praza é o cruceiro que a preside dende o ano 1773. O lugar orixinal deste elemento da arquitectura popular galega era Estribela, pero debido ó seu deterioro, e despois a súa adquisición e restauración polo Museo de Pontevedra nos anos 60, ubicouse neste emprazamento.
Na parte inferior vense as figuras de Adán e Eva collendo o froito da Árbore, mentres nun lateral obsérvase a serpe. No outro lateral figuran dúas ánimas do Purgatorio en actitude orante e símbolos da Paixón de Cristo, máis arriba, as imaxes de San Antonio co Neno e a de San Andrés. A cruz leva, por un lado, a imaxe de Cristo coa cabeza caída e San Francisco recollendo o seu sangue e, polo outro, a Virxe do Socorro coroada por dous anxos.
Cruceiro da Praza das Cinco Rúas
Praza de Mugartegui ou da Pedreira
Popularmente coñecida como praza da Pedreira, este feito débese á última denominación dos traballos de pedra que desenvolvían aquí os canteiros. O arco que da acceso ó lugar, formaba parte do pazo dos Mariño de Lobeira do século XVI. A praza está presidida polo pazo de Mugartegui construído nos séculos XVII-XVIII pola familia Valladares. Un gran exemplo de arquitectura civil barroca no que destaca o escudo. Este foi motivo de disputa xa que cando a labra foi instalada en 1773, o propietario do pazo foi denunciado polos procuradores síndicos de Pontevedra que pretendían a súa retirada por cuestionarse o dereito do dono do pazo para portar esas armas. Manuel Valladares tivo que aportar probas documentais da súa fidalguía para poder conservar o seu escudo. Máis tarde o pazo pasaría a mans da familia Mugartegui.
Ó longo do XX unha parte do edificio empregábase para estancias familiares e outra para academia de ensinanza. En 1955 os propietarios deixan de veranear en Pontevedra e dedícanse en exclusiva a funcións educativas chamándose Academia Jovellanos. Tras o seu abandono foi adquirido polo Concello de Pontevedra en 2001 e nel reside na actualidade a sede do Consello Regulador da D.O. Rías Baixas.
Pazo de Mugartegui
Praza da Ferraría
A praza da Ferraría, un dos lugares máis emblemáticos da cidade , é un espazo en realidade conforman catro prazas. A da Ferraría súmase á praza da Estrela, á de Ourense e ós Xardíns de Casto Sampedro.
A praza comézase a configurar a finais do século XIV e comezos do XV, cando a cidade comeza a crecer alén da súa muralla. O rei Enrique IV concedeu á cidade en 1467 o privilexio de celebrar unha feira franca durante 30 días neste emprazamento. Na actualidade conmemórase a Feira Franca cunha celebración cada primeiro fin de semana de setembro.
Tal e como indica a súa denominación, na Ferraría traballaban os ferreiros que tiñan os seus obradoiros nos soportais. Á praza déronselle moitos usos ó longo da historia, mesmo coma praza de touros nos séculos XVII e XVIII. Inda que as casas e construcións fóronse transformando, destacan dous grandes edificios modernistas de comezos do século XX.
No espazo que ocupa a Praza da Estrela chama a atención tamén o que foi pazo dos Barbeiro de Padrón, a Casa das Caras, con catro bustos do século XVI que decoran a fachada. Tamén nesta praza atópase o Café Carabela, un establecemento histórico do ano 1947 con un mural da praza do artista Conde Corbal.
Por último, nesta praza atópanse os Xardíns de Casto Sampedro, dedicados a un dos fundadores da sociedade arqueolóxica de Pontevedra e gran defensor do patrimonio cultural da cidade e da provincia. A fonte que os preside, do século XVI, á que fai mención un cantar tradicional “Pontevedra é boa vila, dá de beber a quen pasa, a fonte da Ferraría, San Bartolomeu na praza”, coroa os Xardíns a carón da igrexa de San Francisco.
Praza da Ferraría coas letras “Boa Vila”