As luces da noite enchen de encanto os recunchos da cidade de Pontevedra. Chaman a atención as súas pontes iluminadas que se ven reflectidas nas augas do río Lérez. Sen dúbida as pontes son grandes protagonistas en Pontevedra, unha cidade atravesada polo río, e unha bonita estampa da que poder gozar a poucos metros do centro da cidade. Todos os días podes ver o espectáculo de luces que ofrecen as nosas pontes, no outono e no inverno ten lugar ás 20:00 horas, na primavera e no verán ás 23:00 horas.
Ponte do Burgo
A historia de Pontevedra está inseparablemente vencellada á da ponte do Burgo. Os seus vellos restos romanos, “Ponte Veteri” deron nome á cidade. Esta infraestrutura é todo un símbolo da cidade e forma parte do seu escudo. A pista más antiga en referencia ó pasado romano desta ponte é o miliario de Adriano, datado no ano 134, utilizado para dar continuidade á vía XIX. O deterioro desta ponte habería dado paso á súa nova construción no século XII.
A ponte do Burgo experimentou moitos cambios ó longo da súa historia. Inda que na actualidade dispón de once arcos de medio punto, unhas escavacións realizadas no 2006 descubriron outros catro arcos que se atopaban soterrados.
Iluminación da Ponte do Burgo
Dende o século XVI sucedéronse varias reformas, debido entre outras cousas ó deterioro da puente e a unha gran riada que case o leva por diante; tamén se ensanchou a mediados do século XX, dando lugar ó seu aspecto actual. A última reforma converteu á do Burgo nunha ponte peonil para o goce de peóns e ciclistas. A súa iluminación inclúe un conxunto de luces led que iluminan o tramo do Camiño de Santiago, ademais dos xogos de luces que realzan os seus arcos. Tódolos días pódese contemplar este espectáculo de luces, no outono e no inverno ten lugar ás 20:00 horas, na primavera e no verán ás 23:00 horas.
Iluminación da Ponte do Burgo
Ponte dos Tirantes
Camiñando polo curso do río, cara a Illa das Esculturas, atópase outra das pontes máis representativas da cidade, que ademais marcou un punto de inflexión na arquitectura da cidade ó presentar un moderno e singular deseño, a ponte dos Tirantes.
Ponte dos Tirantes iluminado
Leonardo Fernández Troyano e Javier Manterola deixaron a súa pegada nesta obra que marcou unha nova estética na cidade en 1995. A estrutura conta cunha torre de formigón de 63 metros de altura da que parten un total de 17 pares de tirantes, que suxeitan o taboleiro e se suxeitan en dúas bases de formigón. Estas bases actúan de contrapeso equilibrando os esforzos da torre. Cando a noite cae sobre o río Lérez, a iluminación da ponte permite ver o seu reflexo nas augas do río, unha magnífica imaxe para completar unha interesante xornada na cidade de Pontevedra.
Vista dende a Ponte dos Tirantes
Ponte das Correntes
É a “gran ponte” máis nova da cidade, construída en 2012 e elixida por cidadáns e expertos a través dun concurso aberto.
No seu deseño combínase a estética e a funcionalidade, pois conta cunha mestura de plataformas para os distintos tráficos: catro carrís para coches, un para bici e dous peonís cubertos de vidro.
Ademais, os pasos peonís de Domingo de Fontán e Urugai teñen continuación debaixo da ponte e permiten observar o río a través dos paneis de metacrilato.
A súa estética destaca polas formas sinxelas, maiormente curvas, que lle dan a esta ponte unha especial fermosura e personalidade. A súa tipoloxía é de arco, para estar en consonancia coas pontes veciñas de A Barca e O Burgo. Cabe destacar que non interfire no curso do río, xa que os soportes que o manteñen atópanse nas marxes do mesmo.
No que toca á súa iluminación, inda que é branca a meirande parte do tempo, a ponte das Correntes súmase durante 5 minutos cada noite ó espectáculo de luces de cores que se realiza na ponte de O Burgo, polo que amosan un aspecto similar.
Ponte das Correntes
Pasarela peonil da Illa do Cobo
Coma o seu propio nome indica trátase dunha ponte só para persoas, de reducido tamaño pero coidado deseño. Esta ponte, situada na Illa do Cobo, foi deseñada polo enxeñeiro Hugo Corres.
O taboleiro da pasarela, con forma curva, permite o paso a pequenas embarcacións. No que respecta á súa iluminación, esta é máis estática e suave, xa que se atopa nunha zona máis natural e protexida do río. Os tirantes contan con iluminación por cordóns LED, e o arco con proxectores, que facilitan o paso ós transeúntes.
Pasarela peonil