Este tramo, pódese converter nunha magnífica ruta na que se mesturannatureza, tradición, cultura e historia. O itinerario comeza en Ponte Sampaio, atravesando a súa ponte de orixe medieval que salva o río Verdugo. Nesta ponte librouse a derradeira batalla contra o exército de Napoleón que libraría a Galicia da ocupación francesa durante a Guerra da Independencia. Na contorna de Ponte Sampaio o illote de Medal, ofrece unha contorna verde de gran valor natural con varias rutas de sendeirismo. Vilaboa é a seguinte parada e alí agarda a capela de Santa Marta.
Grupo de peregrinas ó seu paso por Pontevedra
A ruta diríxese xa cara Pontevedra, onde se pode realizar a entrada á cidade polo sendeiro natural do río Gafos.
Brea Vella da Canicouva
Tramo do río Gafos
Unha vez en Pontevedra, o itinerario convértese nun paseo agradable polas súas rúas e prazas máis emblemáticas grazas ó modelo peonil da cidade. O itinerario descorre ata a rúa Virxe do Camiño, onde unha estrutura lembra ó camiñante a distancia a Santiago de Compostela, 64.500 metros. Máis tarde, na glorieta de Compostela unha composición de pedra que conforma unha fonte e unhas esculturas de pedras lembra o carácter da cidade “Pontevedra Boa Vila dá de beber a quen pasa”. O seguinte alto no paseo é a praza e o Santuario da Virxe Peregrina, un curioso templo símbolo da cidade, con planta en forma de cuncha de vieira que honra á Patroa do Camiño Portugués e da provincia.
Praza da Ferraría coas letras “Boa Vila”
O itinerario prosigue cara á praza da Ferraría, onde destacan os Xardíns de Casto Sampedro, presididos pola súa fonte, e a igrexa de San Francisco, construída entre 1310 e 1360. A camiñada segue percorrendo a rúa dos soportais cara á praza de Curros Enríquez, e dende aquí, a rúa Real desemboca no río Lérez, onde se atopa a ponte do Burgo. Esta ponte está ligada indiscutiblemente á cidade, pois na época romana unha ponte que alí se atopaba recibía o nome de Ponte Veteri (ponte vella), e esta ruína lle concedeu o nome á cidade. Ao outro lado da ponte atópase o cruceiro coñecido coma o de Santiago peregrino, na rúa Xoan Manuel Pintos, e a capela de Santiaguiño de O Burgo, emprazado tras o pavillón de deportes.
En Pontevedra, é tamén de visita obrigada o Museo de Pontevedra, no que podemos atopar coleccións e pezas de gran valor relacionadas con Santiago de Compostela e coas peregrinacións, entre as que destacan dúas esculturas de Profetas. Así este tramo do Camiño Portugués, con saída en Ponte Sampaio e meta na cidade de Pontevedra, convértese nun agradable paseo ideal para entrar en contacto coa natureza, achégase á tradición do Camiño de Santiago e descubrir algún dos recunchos máis emblemáticos da cidade de Pontevedra.