skip to Main Content

O Camiño Portugués é un dos itinerarios máis populares do Camiño de Santiago. Tras o seu comezo no sur de Portugal e pasar polas cidades de Lisboa e Oporto, este camiño portugués central fai a súa entrada en Galicia a través do municipio de Tui. Existe ademais unha variante desta ruta tradicional pola costa que parte da cidade de Oporto e que se adentra en Galicia pola desembocadura do rio Miño, en A Garda, e máis tarde na localidade de Baiona. A partir de Redondela, ambos itinerarios únense cara a cidade de Pontevedra.

Durante a Idade Media o Camiño Portugués comeza a se desenvolver grazas a antigas calzadas romanas. Tras a independencia do reino de Portugal do de Castela, A raíña Isabel de Portugal decide emprender a súa peregrinación a Santiago a través do camiño Portugués no século XIV. Ademais da súa andadura, clave para consolidar este itinerario, a raíña destinou unha importante partida económica para o mantemento dos hospitais de peregrinos. Outros nobres e monarcas realizarían máis adiante o camiño Portugués coma o rei portugués Manuel I, en 1502, ou o Gran Duque Cosme III de Medicis, no ano 1669.

A popularidade e o auxe deste camiño orixinou a aparición de numerosas posadas, albergues e hospitais de peregrinos nos camiños entre Lisboa e Compostela, documentada nos séculos XV e XVI.

Existe ademais unha variante espiritual do camiño de Santiago que une o camiño Portugués coa ruta Traslatio, tamén coñecida como ruta do Mar de Arousa e o Río Ulla, ruta que de acordo coa tradición realizaron os discípulos do Apóstolo cos seus restos camiño de Santiago remontando o leito do río Ulla cara Iria Flavia-Padrón.

Pontevedra, a capital do Camiño Portugués

Pontevedra é o final de etapa para os peregrinos que realizan o camiño dende Redondela, e o inicio para os que o continúan cara a Caldas de Reis. A entrada do Camiño Portugués ó municipio realizase a través da ponte de Ponte Sampaio na desembocadura do río Verdugo. Esta ponte de orixe medieval, reformado nos séculos XVI e XVII, é famoso por ser o escenario da derradeira batalla en Galicia contra o exército de Napoleón, durante a Guerra da Independencia. Nesta contorna de gran valor natural atópase o illote Medal, ó que se poda acceder a pé e gozar de varias rutas de sendeirismo.

Camino Canicouva

Brea Vella da Canicouva

Camino Gafos

Tramo do río Gafos

Tras abandonar Ponte Sampaio, a ruta percorre a continuación a Ponte Nova para despois se adentrar na Brea Vella da Canicouva, un camiño de algo máis de 1 km de grandes lousas que transcorre polo itinerario da vía romana XIX. Este tramo do camiño entre Pontesampaio, A Canicouva e a entrada ó municipio de Vilaboa é o que garda máis encanto de toda a etapa e o que alberga a capela de Santa Marta (1617).

De novo no municipio de Pontevedra, dous marcos guían ós camiñantes cara ó centro da cidade de Pontevedra propoñendo dúas alternativas, a de Tomeza ou o sendeiro natural do río Gafos, esta última ten moito encanto pero nin é accesible para cadeiras de rodas nin é recomendable para ir en bicicleta pola abundancia de raíces das árbores, tampouco é aconsellable ir a pé en época chuviosa polas lamas e a auga acumulada no camiño.

Un albergue de peregrinos sitúase na entrada da cidade, e moi preto, a rúa Gorgullón, amplía a oferta de albergues e hostels. O tramo urbano do Camiño de Santiago, iluminado con luces lavanda, convértese nun agradable paseo polas rúas e prazas máis emblemáticas de Pontevedra. Case non atoparás vehículos grazas ó modelo de cidade peonil polo que apostou Pontevedra.

A continuación, na rúa Virxe do Camiño, unha estrutura coa cifra 64,5 indica a distancia a Santiago. Máis adiante un conxunto escultórico, obra de Manuel Collazo e Manuel Fandiño, composto por unha fonte e unha frase que reza “Pontevedra é boa vila e dá de beber a quen pasa” dá a benvida á Glorieta de Compostela. O camiño neste punto avanza pola rúa da Peregrina onde se atopa o famoso santuario que recibe o mesmo nome, un dos símbolos da cidade e gran protagonista do Camiño Portugués.

Santuario da Peregrina

Este templo de finais do século XVIII acolle á Patroa da provincia e do Camiño Portugués a Santiago. O máis curioso deste santuario é a súa planta en forma de cuncha de vieira, símbolo do Camiño de Santiago e dos peregrinos. No exterior tres imaxes representan á Virxe, a Santiago e a San Xosé coa indumentaria dos peregrinos. Destaca na entrada unha cuncha xigante natural para a auga bendita agasallo do almirante pontevedrés D. Casto Méndez Núñez e traída dende o Pacífico, en agradecemento á súa vitoria na batalla de Mindanao (1861). A actual imaxe da Virxe é de 1867 obra do escultor catalán Luis Vermell e a figura do Neno é de Gambino, de 1814. O segundo fin de semana de agosto comézanse a festexar na cidade as festas para honrar á Virxe Peregrina que se prolongan durante 10 días.

Ver información

O Camiño continúa!

Dende a praza da Peregrina, o centro neurálxico da cidade, a vista ó santuario é magnífica. A partir desta praza entramos no centro histórico de Pontevedra. O primeiro conxunto importante que atopamos é a praza da Ferrería cos seus xardíns na parte alta, nos que se atopa a famosa Fonte da Ferrería: a que de acordo coa canción dá de beber a quen pasa. Presidindo os xardíns, a igrexa de San Francisco construída entre 1310 e 1360, naquela época inda foira do perímetro da muralla da cidade. O camiño continúa percorrendo a rúa dos soportais cara á praza de Curros Enríquez que, como comprobamos na súa placa, foi antigamente a praza do hospital, que ofrecía atención ós peregrinos, e dende aquí, a rúa Real desemboca no río Lérez, onde se atopa a ponte do Burgo.

Boa Vila

A historia de Pontevedra está inseparablemente vencellada a esta ponte. Os seus vellos restos romanos deron nome á cidade coma Ponte Veteri (ponte vella), é símbolo de Pontevedra e do seu escudo. A ponte foi construída polas tropas romanas para salvar o río Lérez na vía XIX unha das súas principais rutas de comunicación, esta ponte tívose que reconstruír no S.XII e da ponte romana non se atoparon restos ata a actualidade. Ó outro lado da ponte, no recuncho da rúa Xoán Manuel Pintos atopámonos cun cruceiro coñecido coma o de Santiago peregrino, que se remonta ós séculos XVI-XVIII. Este cruceiro ten esculpidas a figura do escudo de Santiago e unha vieira e o escudo de Pontevedra en forxa e pertencía á antiga capela de Santiaguiño do Burgo, sita na actualidade tras o pavillón de deportes. a imaxe de Santiago que preside o altar do S.XIX deste templo que conserva a súa antiga fachada incorporada na actual de formigón.

Camino Portugues 2048x1249

Para seguir coa ruta é necesario continuar pola rúa Santiña, cuxo nome fai alusión á “Rainha Santa Doña Isabel” que decide, no ano 1325, peregrinar a Santiago probablemente facendo este camiño portugués. No número 95 desta rúa levan 6 xeracións recibindo o 24 de xullo a imaxe de Santiaguiño do Burgo que preside a capela. Conta a tradición que aquí foi atendido o Apóstolo cando peregrinaba a Compostela. Este atopouse canso durante a viaxe e nesa morada déronlle abrigo e manutención ata que se recuperou. O Santo prometeu que nesa casa madurarían tódolos anos as primeiras uvas e millo de cada colleita, e cada ano a familia propietaria da casa realiza unha ofrenda. Ó final da rúa aparece un paisaxe rural e as marismas de Alba, unha zona húmida de 80 hectáreas que alberga unha gran variedade de especies vexetais e aves. Xa na parroquia pontevedresa de Santa María de Alba atópase a súa igrexa de orixe románica do século XII, presidida por un cruceiro coa imaxe de Santiago peregrino. Estamos xa na parte final do camiño ó seu paso polo municipio de Pontevedra, atopámonos coa capela de San Caetano de estilo barroco e construída no S.XVII. Continuamos pola parroquia pontevedresa de Cerponzóns e a contorna de Rego do Pozo Negro para entrar xa no municipio de Barro.

Información útil

Back To Top
×Close search
Search
Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos.    Más información
Privacidad