Nun percorrido pola vila aparecen ante nosos ollos pazos e casas señoriais como reflexo do esplendor que a cidade viviu noutras épocas, símbolo de poder de nobres e familias acomodadas.
A coñecida como Casa do Barón, o actual Parador de Pontevedra, constitúe un claro exemplo de palacio renacentista do século XVI, os condes de Maceda, o Marqués de Figueroa e Atalaya ou o barón da Casa Goda, Eduardo de Cea e Naharro, foron algúns dos seus propietarios. A torre e as espazosas galerías sobre columnas de granito son do século XVIII, e destaca no seu interior unha impresionante escalinata de pedra labrada.
Palacete das Mendoza
Outro dos edificios señoriais máis destacados é o palacete das Mendoza, situado na avenida de Santa María, e moi próximo á Basílica de Santa María a Maior. O solar foi adquirido no século XIX por Soledad Méndez Núñez, irmá do famoso mariño Casto Méndez Núñez. A execución e o deseño do palacete foron encargados ó arquitecto Alejandro Sesmero e mantense na actualidade como eran entón. Máis tarde o palacete pasaría a ser propiedade de Carmen Babiano, e, finalmente das irmás María e Concepción Mendoza Babiano, últimas propietarias. Este lugar foi o centro de reunións e faladoiros de importantes personalidades e na actualidade é a sede de Turismo Rías Baixas. a escultura que luce no seu exterior foi realizada polo escultor galego Paco Pestaña sobre un vello teixo do século XIX.
Vale tamén especial atención a Casa das Campás, cuxa denominación aparece documentada por primeira vez no ano 1587. É un dos edificios civís máis antigos da cidade, cuxa fachada presiden dúas labras heráldicas do século XV. Nesta destacan ademais tres portas con grandes doelas, trazos característicos do s. XV, das cales dúas finalizan en curiosos arcos conopiais. a casa foi levantada por algún membro dos Puga que posuían en Ribadavia (Ourense) o seu solar. A presenza desta estirpe en ambos lugares non é casualidade, xa que os viños de Ribadavia eran moi demandados por portos do Cantábrico, e embarcaban sobre todo dende o porto de Pontevedra. Esta casa relaciónase tamén coas aventuras do pirata pontevedrés Benito Soto coñecido coma o derradeiro pirata do Atlántico, nado no barrio mariñeiro da Moureira en 1805. Dise que este escondeu parte do seu tesouro na casa, inda que nunca apareceu. Na actualidade é a sede da Vicerreitoría do Campus de Pontevedra da Universidade de Vigo.
Teatro Principal
O solar que hoxe ocupan o Liceo Casino e o Teatro Principal era no que ata o S.XIX se levantaba a Igrexa de San Bartolomé o Vello, que presentaba estado de ruína e pese á gran oposición popular, decídese o seu derribo en 1842. No ano 1864 inícianse as obras do edificio para a Sociedade do Liceo Casino con teatro anexo, coñecido posteriormente coma o Teatro Principal. O autor do proxecto do Liceo Casino foi o arquitecto Domingo Lareu; e o do Teatro Principal Faustino Flores, inaugurados no ano 1878. O 14 de abril de 1980 un gran incendio destruíu os edificios. Máis tarde o concello adquire o Teatro principal e o reforma, inaugurando en 1997 o deseño actual do arquitecto José Ramón Miyer Caridade.