Galicia posúe as características óptimas para o cultivo da camelia, tanto polo seu clima como polos chans fértiles e ácidos que favorecen o seu crecemento e a súa variedade xa que atesora case 8000 variedades diferentes o que atrae a expertos de todo o mundo. As camelias chegaron a Galicia a finais do século XVIII, procedentes de países asiáticos coma China e Xapón. Creáronse varias rutas turísticas da camelia visitando algúns pazos e xardíns, tanto públicos coma privados, sobre todo nas provincias de Pontevedra e A Coruña, que permiten contemplar durante o inverno a floración desta fermosa flor.
En diversas rúas e xardíns de Pontevedra podemos atopar numerosas camelias e gozar do espectáculo da súa floración dende outubro ata abril, en función da variedade.
Entrada Principal ó Pazo de Lourizán
Moi preto da cidade, a tan só 3,5km, atópase o Pazo e os xardíns de Lourizán. Nos seus xardíns, finca e arboredo, de 54 hectáreas, podemos descubrir preto de 700 especies vexetais de tódolos continentes, unha das coleccións máis importantes de toda Galicia. Ademais, cada inverno, nos seus xardíns florecen unha importante colección de camelias entre as que destacan a variedade Alba Plena.
Escaleiras de Acceso
Deste pazo non só embriaga a importancia natural dos seus xardíns, senón tamén o exterior do pazo, o invernadoiro, así coma outros elementos construídos por Montero Ríos entre finais do século XIX e principios do XX. A entrada ó recinto é gratuíta e en ocasións organizan visitas guiadas para grupos e escolares.
Na contorna de Pontevedra varios pazos e os seus xardíns están incluídos no itinerario da Ruta da Camelia, coma o pazo de A Saleta, en Meis, o Pazo Quinteiro da Cruz, en Ribadumia. Tamén os xardíns do castelo de Soutomaior contan cunha importante colección de camelias que enchen de encanto á fortaleza.
Vista panorámica do Pazo de Lourizán
Como chegar
Se accedes en coche dende Pontevedra, podes coller a estrada a Marín PO-546 e atopar o pazo a uns 3,5km da cidade. Polas mañás está permitido o acceso en coche ata o pazo, mentres que polas tardes o acceso só pode ser peonil. Outra opción para visitar o pazo dende Pontevedra é a de tomar o autobús que sae da praza de Galicia en dirección a Marín, e que conta cunha parada próxima ó acceso do recinto.