skip to Main Content

Surfing The Lérez

O Surfing The Lerez é un festival de música celebrado por primeira vez na cidade en 2011. Desde a súa terceira edición esta cita musical da cidade ten lugar na contorna da Illa das Esculturas. Celebra os seus concertos normalmente no mes de xuño. Conta cun numeroso público fiel grazas a un cartel no que prima a música en directo durante todo o día, unha zona infantil para os máis pequenos, numerosas actividades de animación e un mercado, a cambio dunha entrada solidaria consistente na doazón de alimentos para os máis necesitados.

Surfing Lerez Cultura

Grupo de persoas no Surfing The Lérez

Bigsound

Festival de música urbana onde se dan cita destacados artistas nacionais e internacionais e que se celebra na explanada do Parque Tafisa no mes de xullo. https://bigsoundfestival.com/pontevedra/inicio

Rio Verbena Fest

O Río Verbena Fest é un festival de música urbana, indie, pop e rock que se celebra anualmente en Pontevedra desde 2022 no mes de agosto na explanada do Recinto Feiral.
https://rioverbena.com/

Senda Fest

O Festival Senda é unha programación dedicada ás vertentes máis vangardistas da música electrónica. O lugar de celebración, a Illa das Esculturas, convértese a comezos do mes de xullo nun escenario privilexiado cun formato de evento sostible e íntimo.
@sendafestival

Salón do Libro Infantil e Xuvenil

O Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra é unha cita anual co mundo dos libros, que adoita celebrarse en abril e que se vive de maneira singular na cidade. Os libros son os protagonistas absolutos deste proxecto cultural, que busca que nenos, nenas, mozos e mozas se acheguen de maneira cálida, amena e instrutiva á literatura.

Exposicións, mostras, intervencións artísticas, obradoiros, cursos, conferencias, encontros, homenaxes a autores, presentacións de libros, actuacións teatrais e musicais ou sesións de contacontos constitúen un abano das diferentes actividades nas que se implican centros de ensino, institucións, colectivos de todo tipo e cidadáns e cidadás de todas as idades. Celébrase desde 1999 e a súa sede, desde o seu inicio, é o Pazo da Cultura.

Culturgal

Esta cita anual, celebrada normalmente en novembro ou decembro, reúne no Recinto Feiral da cidade a grandes representantes das industrias culturais galegas. O seu obxectivo cada ano é o de facilitar a participación de empresas, creadores e creadoras, profesionais e públicos, e estimular a compra de produtos culturais. Forman parte de Culturgal as asociacións máis representativas do sector: Asociación Galega de Editores (AGE), Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas (Escena Galega), Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM), Empresas Galegas Dedicadas a Internet e ás Novas Tecnoloxías (Eganet), Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi).

Festival Jazz e Blues Pontevedra

Cada ano, desde 1993, celébrase este festival de jazz en Pontevedra durante a segunda metade do mes de xullo. Nel teñen cabida artistas de jazz, blues e xéneros relacionados, como o rhythm & blues e o soul. Os concertos desenvólvense nas prazas do Teucro e da Ferrería. Ademais, hai actuacións itinerantes polas rúas, jam sessions e actividades docentes con obradoiros nos que colaboran músicos convidados e do país. Actualmente é un dos mellores de Galicia.

O jazz é un estilo de música xa moi arraigado na cidade; de feito, existe un Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra que leva trece anos formando futuros músicos e dinamizando este estilo na sociedade.

Jazz Blues Cultura

Concerto do Festival Jazz e Blues Pontevedra

Itineranta

Itineranta é un festival de espectáculos de rúa itinerantes cuxa primeira edición tivo lugar no ano 2010. Converteuse xa nunha cita habitual na programación festiva do verán pontevedrés. Unha selección das mellores compañías inunda as rúas e prazas da cidade coas súas propostas das artes escénicas –zancos, malabares, teatro, cabaré, batucada, performance, lume, pirotecnia…– para a celebración do maior Festival de Espectáculos Itinerantes de Rúa.

Itineranta. ©Mónica Patxot. Pontevedra Viva

Galegote Rock

O Galegote Rock é un festival onde a lingua galega e a música son as grandes protagonistas. Organizado polo Concello de Pontevedra, pretende dar a coñecer intérpretes e grupos de música de distintos estilos e achegar ao público unha ampla oferta de música de calidade, feita en galego e en directo. A súa data habitual de celebración é o mes de abril.

Back To Top
×Close search
Search
Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos.    Más información
Privacidad