Pontevedra imprescindible

Visit Pontevedra

1

Aínda que só se conservan cinco preciosas ábsidas góticas, parte do muro sur da igrexa e a entrada ao convento, as Ruínas de San Domingos zumegan esplendor polos catro costados. Fundado en 1281, pertenceu á orde dominica e no seu interior pódense admirar elementos de alto valor artístico e histórico como sarcófagos, escudos de armas ou sepulturas de personaxes como o cabaleiro Tristán de Montenegro. Forman parte do conxunto Museo de Pontevedra.

 

2

Na Gran Vía de Montero Ríos, en pleno centro neurálxico de Pontevedra, sitúanse dúas das marabillas naturais máis importantes da vila do Lérez, testemuñas do devir da cidade desde o século XIX: a alameda, que oficialmente leva o nome do arquitecto Sesmero -autor de gran parte dos edificios da contorna-, e os xardíns de Vincenti, coas súas palmeiras, magnolios e camelias. Son varios os edificios decimonónicos que se alzan nas súas inmediacións: o instituto Valle-Inclán, a deputación provincial, ademais da casa do concello, a subdelegación do goberno e os xardíns do Doutor Marescot.

 

3

No corazón do centro histórico levántase a Basílica de Santa María a Maior, considerada o mellor exemplo de arquitectura relixiosa de toda a cidade; non en balde é Ben de Interese Cultural e Monumento Histórico-Artístico pertencente ao Tesouro Artístico Nacional. Chea de lendas, as pedras da súa fachada acollen representacións tan singulares como a disposición da Trindade con Xesús á esquerda do Pai, un santo con anteollos ou os bustos de Cristóbal Colón e Hernán Cortés aos lados do rosetón. Nas proximidades, tamén se atopan o Palacete das Mendoza, edificio decimonónico que alberga o padroado de Turismo Rías Baixas, así como o Centro de Interpretación das Torres Arcebispais (CITA), dedicado a unha das estruturas defensivas que existiron na cidade e que formaban parte da muralla medieval de Pontevedra.

 

4

Toca reavivar os coñecementos de heráldica e xenealoxía, así que nada mellor que unha ruta sen rumbo fixo polas prazas do centro histórico, para descubrir que nas fachadas de numerosos casaróns locen brasóns e escudos nobiliarios. Son paradas obrigatorias as prazas do Teucro, da Leña, da Verdura, da Pedreira e de Méndez Núñez.

 

5

Non, non nos esquecemos da praza da Ferraría. Este espazo e o seu contorno merecen un apartado propio xa que son o centro neurálxico da vida pontevedresa e onde están algunhas das mellores terrazas da cidade. Todo este conxunto atópase presidido pola Igrexa de San Francisco, os xardíns de Casto Sampedro, coa afamada fonte da Ferraría no medio, así como por un conxunto de edificacións de pedra, algunhas con soportais, dunha grande harmonía, entre as que destaca a Casa das Caras na praza da Estrela.

 

6

A Capela da Virxe Peregrina é un dos edificios máis simbólicos e relevantes da cidade de Pontevedra. Está dedicada á Virxe Peregrina, patroa da provincia de Pontevedra e do Camiño Portugués a Santiago. Foi construída no século XVIII e a forma da súa planta está inspirada nunha cuncha de vieira, símbolo por antonomasia dos peregrinos, con remate en cruz.

 

7

Outro dos símbolos de Pontevedra, e un dos elementos máis antigos que se conservan nela, é a Ponte do Burgo. A “ponte vella” (do latín Ponte Vetera) que deu nome á cidade foi construída moi preto desta polos romanos; mantívose en pé ata mediados do século XII, aínda que en tan mal estado, que se tivo que levantar outra nova ao seu lado. Vémola con once arcos rebaixados de medio punto, no canto dos quince iniciais. É paso obrigado para seguir o Camiño Portugués a Compostela seguindo o trazado da Vía Romana XIX.

 

8

Pontevedra está situada nas Rías Baixas, ao fondo da ría que lle dá nome, nun enclave privilexiado para a pesca de baixura e o marisqueo. Estes produtos de máxima calidade e frescura son os que se atopan no mercado de abastos: cigalas, lagostinos, nécoras, mexillóns, pescadas, ollomoles, peixes sapo… pero tamén carne, froitas, hortalizas e flores.

 

9

Xa sexa para facer deporte, para pasear ou simplemente para relaxarse e gozar das súas belas vistas, na Illa do Covo está a Illa das Esculturas, o maior museo ao aire libre de Galicia e unha das poucas iniciativas destas características existentes no mundo. Doce artistas de renome internacional tomaron como tema central o granito galego e cada un deles ideou unha obra que se interrelaciona coa paisaxe, coa tradición do lugar, coa historia da escultura e da pedra e moi especialmente coa esencia do home e a súa relación coa natureza. Os eucaliptos ocupan parte das 7 hectáreas do recinto, mais introducíronse outras árbores frondosas e aínda se manteñen ecosistemas como as xunqueiras silvestres, nas que despunta a presenza de parrulos e outras aves. Por algo o lugar é a antesala do LIC do Lérez (Lugar de Interese Comunitario), que se atopa baixo protección da Rede Natura 2000.

 

10

A visita ao Museo de Pontevedra é imprescindible. Recoñecido como un dos museos máis representativos da historia, a arqueoloxía e a arte galega, foi creado en 1927 co patrocinio da Deputación Provincial. Actualmente ten seis sedes diferentes que podes visitar na orde que prefiras: o edificio Castro Monteagudo, o edificio García Flórez, o edificio Fernández López, o edificio Sarmiento, as ruínas do Convento de San Domingos e un moderno sexto edificio entre as rúas Serra e Padre Amoedo. Os seus fondos reúnen auténticos tesouros, como a colección de ourivaría, única en Europa, con xoias espléndidas de máis de 4.000 anos de antigüidade, pezas en acibeche compostelán, cerámica de Sargadelos, salóns do século XIX, ou a reprodución da cámara de oficiais da fragata Numancia, con sensación de ondada e mareo incluída.

 

Visit-Pontevedra - Concello de Pontevedra Turismo de Pontevedra S. A.
CASA DA LUZ
Praza da Verdura s/n
36002 - Pontevedra
+34 986 090 890
Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.
  
Top

© 2017 Turismo de Pontevedra. Concello de Pontevedra.
Todos os dereitos reservados