Namorados

Visit Pontevedra

1

Se queres sorprender ao teu mozo ou moza podes gozar dun doce almorzo na Ferraría, as migallas que vos caian no xersei podedes darllas para comer ás pombas...

 

2

Preocupada ou preocupado por romper o xeo na vosa relación? Tedes todo un centro histórico para perdervos polas súas rúas... O arco de Méndez Núñez é unha opción para os máis tímidos, pero os auténticos PTV fanse as beiras na áncora das palmeiras da alameda.

 

3

Se queres demostrarlle que es un amante da natureza podes levar á túa parella a un paseo do máis bucólico ao Pazo de Lourizán. Sabías que hai unha mesa de granito dunha soa peza sacada dun penedo da Illa de Tambo? Veña, xa tes o primeiro dato, que o chío dos paxariños vos acompañe!

 

4

Un brinde polo voso amor! O primeiro que sexa na praza da Verdura, o segundo na praza da Leña, o terceiro na praza do Teucro, o cuarto na praza de Méndez Núñez e o quinto na praza da Ferraría. Tes cinco denominacións de orixe galegas que probar, os agarimos están asegurados!

 

5

Hai algo máis fermoso que un paseo pola praia? Podedes achegarvos ata a nosa praia fluvial do río Lérez, onde a auga calma e o silencio serán a banda sonora perfecta para os vosos bicos. O paseo ata aí pola Illa do Covo tampouco ten desperdicio.

 

6

Se che falta amor, podes respirar aire fresco e namorarte, por que non, de Pontevedra e das súas vistas no miradoiro de Monte Porreiro. Tamén podes ir abrazar as árbores da Illa do Covo, pero iso xa son cousas túas.

 

7

O amor dá moita fame, e se non que llo pregunten ás bolboretas que dan voltas na túa barriga. Facede un pícnic romántico no lago de Castiñeiras, tombados á fresca na herba, cos raios de sol quentando os vosos corpos (e os vosos corazóns!).

 

8

Cada parella ten a súa canción, podedes buscar a vosa nun concerto, ou talvez nalgún pub, podedes atopala nun agarradiño dunha orquestra ou nunha canción do noso Festival Internacional de Jazz.

 

9

Un vasiño de licor café quenta as almas e espanta as meigas. Se aínda tedes medo podedes compartir cama no Parador de Pontevedra.

 

10

Achegádevos ata A Caeira, e observade as luces da cidade, as pontes sobre o Lérez e pedide desexos a algunha estreliña. Non esquezades o voso pau para facer autofotos; as vistas dan para fotazas!

 

Visit-Pontevedra - Concello de Pontevedra Turismo de Pontevedra S. A.
CASA DA LUZ
Praza da Verdura s/n
36002 - Pontevedra
+34 986 090 890
Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.
  
Top

© 2017 Turismo de Pontevedra. Concello de Pontevedra.
Todos os dereitos reservados