O ganapán

Visit Pontevedra

O ganapán é un espazo lúdico no mercado para dar a coñecer os produtos da terra e do mar aos máis pequenos e achegalos ao comercio de proximidade, á produción ecolóxica e á cultura natural das prazas de abastos tradicionais.

O ganapán é un espazo infantil sito no primeiro andar do Mercado de Abastos, que nace coa vontade de facilitar a conciliación familiar dos traballadores e traballadoras da praza e fomentar a asistencia do público familiar da boa vila ao Mercado.

Non é só unha ludoteca; é un espazo para o achegamento das familias ao tecido produtivo da terra e do mar, ao comercio de proximidade, á produción ecolóxica e á cultura natural que habita os mercados tradicionais coma o da nosa cidade.

No ganapán desenvólvense actividades lúdicas e didácticas: obradoiros artísticos, gastronómicos, medioambientais, musicais, literarios... que terán os oficios do mar e da terra como fío condutor.

Así, os asistentes aprenderán a facer un horto ecolóxico, coñecerán a redeiras, bateeiros, mariñeiros, peixeiras, labregos e labregas, carniceiros, floristas...; farán pan, doces de Entroido, de outono e de Nadal, petiscos mariños... Tamén estarán acompañados de poetas, pintores, fotógrafos e outros creadores que se inspiran na súa arte cos peixes e o mar. E tamén serán artistas, pintarán coa tinta dos chocos, farán esculturas con hortalizas e legumes, aprenderán a reciclar, escoitarán contos e farán o seu propio xornal.

En cada sesión mercarán os produtos nos postos do mercado, cociñaranos e, por suposto, comeranos recentemente feitos. Patés vexetais, smoothies, xeados, pasteis, petiscos…, cociña de tempada variada para que coñezan a gran diversidade de produtos que hai nas prazas de abastos.

O ganapán foi escollido entre máis 200 propostas presentadas por todo o Estado español polo Ministerio de Educación e Cultura como proxecto-modelo dentro do Terceiro Encontro de Cultura e Cidadanía 2017.

Páxina web de O ganapán

A asistencia require inscrición previa. Pódese consultar toda a información desta iniciativa, formas de inscrición e programación en http://oganapan.omercado.gal

Visit-Pontevedra - Concello de Pontevedra Turismo de Pontevedra S. A.
CASA DA LUZ
Praza da Verdura s/n
36002 - Pontevedra
+34 986 090 890
Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.
  
Top

© 2017 Turismo de Pontevedra. Concello de Pontevedra.
Todos os dereitos reservados