Teatro Principal

  • Teatro Principal

O Teatro Principal está situado no centro da cidade, en pleno centro histórico de Pontevedra e foi reconstruído logo dun pavoroso incendio en 1980. Combina aspectos decorativos dos teatros do s. XIX no exterior cun acondicionamento máis actual e moderno no interior. Pertence ao Concello de Pontevedra e ofrece unha ampla e variada oferta cultural ao longo de todo o ano.

O soar no que se alza hoxe o Teatro Principal estivo ocupado inicialmente pola igrexa de San Bartolomeu o Vello, construída probablemente no s. XIV. O paso do tempo e os distintos avatares que sufriu deixaron marca nela, e a mediados do s. XVIII presentaba un estado de conservación bastante precario. Daquela ideouse a súa posible derruba á que se opuxo categoricamente o Padre Sarmiento. O templo permaneceu en pé setenta e cinco anos máis, pero en 1844 acabou por ser demolido, o culto trasladado á igrexa da Compañía de Xesús (a actual igrexa de San Bartolomeu) e o lugar convertido na praza de Tetuán.

En 1864 comezaron as obras de construción do edificio que albergaría a Sociedade do Liceo Casino cun teatro anexo.

O proxecto do Teatro Principal debeuse ao arquitecto Faustino Flores. O novo teatro construíuse acorde co modelo de teatro á italiana, cun estilo clasicista. As pinturas de pano de boca e os decorados foron encargados ao afamado artista italiano Jorge Bussato. O acto de inauguración tivo lugar o día 2 de agosto de 1878, durante as tradicionais Festas da Peregrina.

O Teatro Principal acolle en abril de 1900 a primeira proxección cinematográfica de Pontevedra, e en decembro do mesmo ano a primeira audición de fonógrafo con bucina. Durante o s. XX, o Principal seguiu a impulsar intensamente o carácter cultural da cidade ata que na madrugada do 14 de abril de 1980 un incendio o destruíu case por completo. Só permaneceron en pé os muros exteriores e as paredes mestras.

En 1983 o Concello adquiriu as ruínas do teatro, e de seguido, convocou un concurso público estatal para a súa reconstrución, no que saíu gañador o arquitecto José Ramón Miyer Caridad. A primeira pedra colocouse o día 1 de outubro de 1985 e o acto de inauguración tivo lugar o 2 de xaneiro de 1987.

Situación

Rúa de Paio Gómez Charino, 6
36002, Pontevedra

Coordenadas GPS

Coordenadas WGS84 (Google):
Lat: 42°25'55.65"N
Lnx: 8°38'47.47"O

http://www.pazodacultura.org

Visit-Pontevedra - Concello de Pontevedra Turismo de Pontevedra S. A.
CASA DA LUZ
Praza da Verdura s/n
36002 - Pontevedra
+34 986 090 890
Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.
  
Top

© 2017 Turismo de Pontevedra. Concello de Pontevedra.
Todos os dereitos reservados