Ruínas de San Domingos

  • Ruínas San Domingos

Consideradas como un dos máximos expoñentes do gótico galego, as ruínas de San Domingos gardan os restos que permanecen en pé do que no seu día foi o maior convento construído polos dominicos en Galicia: a cabeceira, de cinco ábsidas (excepcional no gótico mendicante galego que nunca pasou de tres), xunto con parte do muro sur da igrexa e a entrada ao capítulo do convento. Na actualidade é un dos un dos seis edificios que forman o complexo do Museo Provincial de Pontevedra e dentro alberga unha grande variedade de elementos de gran valor artístico e histórico.

A orde domínica chegou a Pontevedra a finais do século XIII e fundou o convento cara a 1282 nas Corvaceiras, pero en maio de 1285 xa se trasladara ao seu definitivo emprazamento, a un lugar denominado Campo da Verdade, situado extra muros pero próximo a unha das portas de acceso á muralla que pechaba a cidade na Idade Media.

As obras de construción do convento e da igrexa prolongáronse durante os séculos XIV e XV, grazas ás numerosas doazóns de distinguidas familias pontevedresas –que non tardaron en escoller o cemiterio e o templo dominico como lugar de enterramento– e ao incremento do patrimonio da orde relixiosa por mandas testamentarias.

O templo tiña planta de cruz latina, dunha nave con outra de cruceiro, e cuberta de madeira. Posuía unha torre oitavada no ángulo sueste. Da cabeceira só se conservan cinco capelas, cubertas con bóvedas de cruzaría, correspondentes ao brazo transversal do cruceiro. A maior delas é heptagonal e as restantes son pentagonais. As do lado do Evanxeo (as máis afastadas da porta de acceso ás ruínas) e a capela maior construíronse entre 1330 e 1360. As do lado da Epístola son de finais do s. XIV e principios do XV.

A capela maior presenta unha imposta –que tamén existe nas capelas laterais–sobre a que se abren altas e esveltas xanelas oxivais que non conservan as vidreiras. Por debaixo dela, sitúase unha arcada de arcos apuntados.

Os arcos de acceso ás capelas son de directriz apuntada, de dobre arquivolta, a interna en groso baquetón e a exterior decorada con puntas de diamante. Descansan sobre columnas entregas con capiteis decorados con figuras humanas, de animais ou motivos vexetais.

Na parede sur do cruceiro ábrese un rosetón, procedente da derruída cara norte e dúas portas de acceso á sancristía, unha de arco de medio punto rebaixado e outra de arco apuntado.

Xunto á sancristía está a entrada á sala capitular, precedida por unha arcada que provén do antigo convento. Esta sala foi ampliada para a exposición de diversas pezas de gran valor artístico e histórico como coleccións de laudas gremiais, baldaquinos, esculturas relixiosas, labras heráldicas...

A finais do s. XVIII a orde predicadora decidiu reformar a igrexa mediante unha nova nave neoclásica, que substituiría a antiga igrexa gótica. Esta reconstrución, que ía dirixir Álvarez Reguera, viuse fanada en 1835 ao decretarse a desamortización de Mendizábal que puxo en venda as posesións das ordes relixiosas, incluída a igrexa e o convento de San Domingos.

Co peche do convento, o edificio entrou nun longo proceso de ruína e deterioración progresivos. En 1840 foi entregado á Xunta de Alleamento de Edificios e Efectos dos Conventos Suprimidos da Provincia de Pontevedra e logo cedido ao Concello para casa de asilo, cárcere de mulleres, hospicio, escola de párvulos, cuartel, teatro… Mesmo en 1846 aproveitouse a pedra para pavimentar as rúas e as prazas de Pontevedra. En 1864 é derrubada unha capela que estaba no extremo sur do cruceiro e entre 1869 e 1870 a parte superior da torre.

En 1874 o Concello solicitou a demolición do convento para poder ampliar o espazo dedicado ao Campo da Feira (a actual Alameda) para o que contou co informe favorable do Gobernador Civil e Presidente da Comisión Provincial de Monumentos, que puxo como condición que se respectase a parte da antiga igrexa e outros elementos de interese.

En xullo de 1880 aprobouse a derruba total, decisión que provocou a reacción da cidadanía pontevedresa, que conseguiu deter as obras de demolición. Nove anos despois, acórdase un novo intento de derruba, que volveu a fracasar de novo grazas á reacción social.

Salvadas da demolición, o conxunto foi declarado Monumento Nacional por Lei do 14 de agosto de 1895 (trátase do primeiro monumento da provincia de Pontevedra en conseguir esta declaración), que estipulaba que se fixese cargo delas a Comisión de Monumentos e que polo Ministerio de Fomento se ditasen "as oportunas disposicións para a conservación, decoro e custodia". Isto aconteceu xustamente un ano despois da creación da Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra, o 15 de agosto de 1894, que baixo a presidencia de Casto Sampedro e Folgar, escolleu as ruínas entre unha terna de edificios conformada polo claustro de San Francisco e os baixos do Colexio da Compañía de Xesús (hoxe edificio Sarmiento), para a sede do museo que se pretendía fundar.

A Sociedade Arqueolóxica disolveuse en 1938 e cedeu a xestión dos restos ao Museo de Pontevedra, que fora fundado en 1927. O Museo de Pontevedra dedicou este espazo á exposición permanente de pezas pétreas relacionadas coa historia da cidade e da provincia.

No interior expóñense ao público non só as propias ruínas senón tamén laudas gremiais, ronseis romanos, capiteis visigóticos e unha completa colección de escudos heráldicos. Algúns deles proceden dos enterramentos que se realizaron na propia igrexa e outros das casas nobres da cidade e da provincia, cedidos polas persoas propietarias ou herdeiras ou adquiridas polo propio museo.

Situación

Avenida de Montero Ríos, 1
36002, Pontevedra

Coordenadas GPS

Coordenadas WGS84 (Google):
Lat: 42°25'52.38"N
Lnx: 8°38'49.11"O

Horario

Do 15 de marzo ao 31 de outubro

  • De martes a sábados: de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 19:30 h
  • Domingos e festivos: de 11.00 a 14.00 h
  • Luns: pechado

Do 1 de novembro ao 14 de marzo

  • Poden concertarse visitas para grupos. Estas dependen das condicións meteorolóxicas e da dispoñibilidade do gabinete didáctico.
  • Máis información e contacto en Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.
  • Teléfono 986 804 100 extensión 42413 (de luns a venres de 8.30h a 14.30h)

 

Visit-Pontevedra - Concello de Pontevedra Turismo de Pontevedra S. A.
CASA DA LUZ
Praza da Verdura s/n
36002 - Pontevedra
+34 986 090 890
Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.
  
Top

© 2017 Turismo de Pontevedra. Concello de Pontevedra.
Todos os dereitos reservados