Praza - Soportais da Ferraría

  • Praza - Soportais da Ferraría
  • Praza da Ferraría
  • Soportais da Ferraría
  • Soportais da Ferraría
  • Soportais da Ferraría

A Ferraría é sen dúbida unha das prazas máis emblemáticas, visitadas e queridas da cidade e o centro neurálxico da vida pontevedresa; non en balde, aquí é onde están algunhas das mellores terrazas da cidade. Malia que non é a máis antiga, si que é a máis cargada de historia.

Debe o seu nome ás forxas que existían nos seus soportais que antigamente fornecían de metal os demais gremios da cidade. A praza adoptou o nome de Ferrería cara a 1820 en recordo deses antigos artesáns que producían todo tipo de armas e instrumentos de ferro. De feito, de Pontevedra e de Oviedo saíron as armas, os paveses e os escudos que mandaron usar os Reis Católicos segundo ordenanza de Armamento Xeral de 5 de outubro de 1495, para crear unha estrutura militar permanente na monarquía española.  En 1854 cambiouse o nome oficial polo de praza da Constitución, aínda que finalmente sería recuperada a súa denominación anterior durante o s. XX.

Na Idade Media era coñecida como praza de Trabancas, xa que a súa entrada principal era a Porta de Trabancas, unha das portas da antiga muralla medieval de Pontevedra. A Ferraría converteuse en recinto feiral da Feira Franca, un privilexio concedido polo rei Henrique IV de Castela en 1467, para instaurar un mercado libre de impostos dun mes de duración, quince días antes e outros quince despois do 24 de agosto, festividade de san Bartolomeu.

Testemuña de primeira man do devir da cidade, aquí se celebran todo tipo de actos culturais, festivos, lúdicos... É, por exemplo, un dos espazos centrais onde cada primeiro sábado de setembro se recrea a devandita Feira Franca, así como onde se realiza a Festa dos Maios, que festexa a chegada da primavera o primeiro domingo de maio ou a queima do Loro Ravachol, que pon fin ao Entroido pontevedrés. Ademais, é escenario no mes de xullo de concertos do Festival Internacional de Jazz de Pontevedra, a Festa dos Libros ou diversas feiras de artesanía. A praza cos carros onde se asan e venden castañas durante os meses de outubro e novembro é unha das típicas estampas, así como a dos nenos e nenas dándolle millo ás pombas que ateigan o lugar en calquera época do ano.

A praza da Ferraría conforma un espazo de máis de catro mil metros cadrados que abrangue dúas prazas máis e uns xardíns. Deste xeito, únese polo norte coa pequena Praza da Estrela, ocupada pola terraza do Café Carabela e onde destaca a Casa das Caras que chama a atención polas caras da súa fachada. E polo leste, cos Xardíns de Casto Sampedro en cuxo centro eríxese a afamada Fonte da Ferraría (s. XVI), renacentista de tipo chafariz, que foi reconstruída en 1930 neste lugar tras ser retirada dunha esquina da praza. Ademais, xúntase polo sueste coa praza de Ourense, entre os Xardíns de Casto Sampedro e o edificio en que se atopa o Café Savoy, lugar de faladoiro da vida social e artística pontevedresa desde 1936.

Entre os xardíns e a praza está o paseo de Antonio Odriozola, que principia coas letras, grandes, maiúsculas e en aceiro, BOA. A segunda parte destas letras, VILA, están situadas entre os Soportais da Ferraría e a Praza de Curros Enríquez, en referencia á canción popular e a hospitalidade da que se sinte orgullosa Pontevedra.

Pontevedra é boa vila,
dá de beber a quen pasa.
A fonte na Ferrería,
San Bartolomeu na praza.

Todo este conxunto atópase presidido pola potente presencia de dous edificios relixiosos: San Francisco e a Capela da Peregrina, así como por un conxunto de casas de pedra, a meirande parte con soportais, dunha grande harmonía, entre as que destacan a do número 1, que data do s. XV. A dos Soportais é unha das principais rúas do comercio tradicional, hoxe con máis pulo que nunca. Aquí o traxecto coincide co da vía romana XIX e co do Camiño Portugués de peregrinación a Santiago, que se sinaliza mediante unhas orixinais insercións de luz no pavimento.

Son así mesmo típicos os edificios modernistas que lle dan fronte e que foron construídos na década de 1910.

Situación

Praza da Ferraría
36002, Pontevedra

Coordenadas GPS

Coordenadas WGS84 (Google):
Lat: 42°26'0.59"N
Lnx: 8°38'39.16"O

Visit-Pontevedra - Concello de Pontevedra Turismo de Pontevedra S. A.
CASA DA LUZ
Praza da Verdura s/n
36002 - Pontevedra
+34 986 090 890
Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.
  
Top

© 2017 Turismo de Pontevedra. Concello de Pontevedra.
Todos os dereitos reservados