Segundo conta a lenda, o arqueiro grego Teucro, medio irmán de Aiax, despois da Guerra de Troia, viaxou a Occidente e fundou a cidade de Pontevedra. A elite renacentista da cidade deulle pulo a este mito para ennobrecer e prestixiar a vila, e por iso, non podía faltar na cidade un espazo dedicado ao seu “mítico fundador”.
A do Teucro foi a praza máis señorial da cidade, e aínda hoxe conserva parte das casas nobres que a rodeaban e bos exemplos da riqueza heráldica de Pontevedra, como a casa da familia Gago e Montenegro, que constitúe unha das xoias do barroco civil galego.
O edificio exhibe un total de once escudos de armas: dous no patio interior, seis polo lateral –na rúa Princesa–, un máis facendo esquina e dous na fachada principal. Destes últimos, destaca o do lado dereito, e non só polas súas enormes dimensións (de 2,10 metros de alto por 1,50 metros de ancho). Verdadeira xoia do barroco galego datada en 1716, o escudo fai referencia á ocupación que tiña esta liñaxe no labor de gardar da porta da muralla situada xunto á ponte do Burgo. Nel apréciase unha man que sostén unhas chaves e a silueta da vella ponte.
Fronte a esta casa, eríxese a fachada posterior do pazo barroco do Conde de San Román, construído en 1744 polas familias Gayoso e Aldao para a futura esposa do seu primoxénito. Desgraciadamente perdeuse por completo a ostentosa fachada principal, que daba á actual praza de Curros Enríquez, así como a meirande parte do seu patio interior que estaba decorado con esculturas clásicas.
A desaparecida fachada principal lucía no centro, enriba da porta de entrada, un enorme escudo coas armas das liñaxes de Aldao, Gayoso, Figueroa, Castro, Varela, Lobeira e Arauxo, flanqueado por dúas fornelas coas estatuas de pedra representativas da Esperanza e da Fortaleza (que hoxe se conservan no alto do tellado na fachada do edificio Fernández Flórez do Museo de Pontevedra, na rúa Sarmiento). Do patio interior permanecen en pé as columnas e a balaustrada do piso superior coas fornelas que albergaban bustos de emperadores, reis e filósofos, pódense observar no interior do establecemento de hostalaría sito na rúa Real.
Por fortuna, a fachada posterior sufriu menos reformas. Era asoportalada, alternaba ventás e balcóns no primeiro piso e contaba, ademais, cunha torre ameada. De todo este conxunto destruíronse tres dos oito arcos dos soportais e o ameado da torre. Foi sede da Sociedade de Recreo Liceo Casino –desde 1858 ata a inauguración do seu propio edificio en 1878 (detrás do Teatro Principal)–, así como da Cámara Agraria Provincial.
No fondo da praza, na rúa Real, destaca o pazo do Marqués de Aranda e Guimarei, cuxo escudo de armas é o único da cidade que conta con dous tenantes ou figuras situadas a cada lado que o adornan.
As rúas situadas nas proximidades son unha das zonas máis concorridas para tomar unhas tapas ou ir de viños.
Praza do Teucro
36002, Pontevedra
Coordenadas WGS84 (Google):
Lat: 42°25'57.65"N
Lnx: 8°38'43.00"O
© 2017 Turismo de Pontevedra. Concello de Pontevedra.
Todos os dereitos reservados