Praza de Curros Enríquez

  • Praza de Curros Enríquez
  • Praza de Curros Enríquez
  • Praza de Curros Enríquez

Centro dunha importante vida social e comercial, debe o seu nome ao afamado escritor ourensán, o gran poeta civil do Rexurdimento, Manuel Curros Enríquez.

Nesta praza atópase o monumento a Alexandre Bóveda que, xunto con Castelao, foi un dos fundadores do Partido Galeguista en Pontevedra e impulsor do primeiro Estatuto de Autonomía de Galicia. Apresado e fusilado en 1936 polo réxime franquista por defender a legalidade democrática e as aspiracións de autogoberno de Galicia, a súa figura é hoxe o símbolo do Día da Galiza Mártir que se conmemora o 17 de agosto, día en que foi asasinado.

Detrás deste monumento, áchase a sede do Casino Mercantil e Industrial que lle imprime á praza un estilo decimonónico.

Tamén destaca neste lugar unha das fontes de ferro fundido colocadas en 1887 con motivo do abastecemento de auga corrente á cidade e ás súas prazas, planificado polo arquitecto Alejandro Rodriguez Sesmero.

Compráronse dúas en París e encargáronse tres segundo o modelo francés a unha fundición en Vigo. En total, cinco, mais só se instalaron catro e ninguén sabe a ciencia certa cal foi o destino da quinta. Ao longo do tempo pasaron por diferentes localizacións, pero hoxe en día, están colocadas detrás da Capela da Peregrina, na praza da Verdura e na avenida de Santa María e nesta praza. Feitas en ferro fundido pintado en bronce antigo, con zócolo cuadrangular e con catro lados rematados en arestas con figuras de tritóns. O plano principal de cada lado está decorado con ornamentos florais e cunchas e coa cara dun fauno que presenta un surtidor na boca que verte auga sobre un prato inferior, sostido polo fuste da fonte. Como remate, no pináculo figura un espléndido floreiro ornamental con asas e tapa. Hoxe constitúen un dos sinais de identidade da cidade. E aínda que a súa función é máis ornamental, seguen a cumprir a súa misión de que "Pontevedra é boa vila e dá de beber a quen pasa…".

Situación

Praza de Curros Enríquez
36002, Pontevedra

Coordenadas GPS

Coordenadas WGS84 (Google):
Lat: 42°25'59.78"N
Lnx: 8°38'49.77"O

Visit-Pontevedra - Concello de Pontevedra Turismo de Pontevedra S. A.
CASA DA LUZ
Praza da Verdura s/n
36002 - Pontevedra
+34 986 090 890
Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.
  
Top

© 2017 Turismo de Pontevedra. Concello de Pontevedra.
Todos os dereitos reservados