Praza de Alonso Fonseca - Avenida de Santa María

  • Praza de Alonso Fonseca
  • Praza de Alonso Fonseca
  • Palacete das Mendoza
  • Praza de Alonso Fonseca

A praza que se atopa a carón da Basílica de Santa María e que se coñecía como praza de Santa María, recibe, desde o ano 1950, o nome dunha das personalidades máis sobranceiras do renacemento español: o arcebispo de Compostela e Toledo Alonso de Fonseca. O seu emprazamento neste espazo non obedece á casualidade e está explicado perfectamente pola súa relación coa basílica e a propia Pontevedra.

Alonso III de Fonseca (1473-1534) foi o gran humanista daquel tempo na Península Ibérica, protector de Erasmo de Rotterdam e fundador da Universidade de Santiago de Compostela. De mozo foi párroco de Santa María e desde entón Pontevedra estivo sempre moi presente na súa vida. A casa reitoral que se atopa nesta praza ten unha inscrición que amosa o agradecemento ao seu labor, cheo dun profundo humanismo. Tamén pode verse outra pegada do seu paso por Pontevedra na fachada traseira da basílica, que presenta un escudo de pedra da familia Fonseca, coas cinco estrelas, seis borlas a cada lado e coroado cun sombreiro eclesiástico.

Fronte á fachada meridional da basílica embelece a praza un dos máis antigos, coñecidos e meritorios cruceiros tardomedievais. Procedente do centro da ponte do Burgo, logo de pasar por diversas localizacións nos seus arredores e tras ser derrubado, foi recollido pola Sociedade Arqueolóxica e trasladado ás Ruínas de San Domingos primeiro e ao xardín do edificio Castro Monteagudo despois, onde permaneceu ata a súa definitiva colocación aquí en 1954.

A cruz é de decoración gótica flamíxera cos seus extremos decorados en pétalos de flor volta con remates de semiesferas. As imaxes de Cristo, por un lado, e da Virxe co Neno en brazos, polo outro, son de talla delicada e pequeno tamaño. Están acompañadas doutras catro figuras, unha delas o Apóstolo Santiago, e colocadas aos catro ventos ao pé da cruz.

De forma cuadrangular e ameado por abaixo, o capitel está decorado en cadansúas caras co escudo da cidade, dúas ancoras cruzadas, o escudo episcopal dos Fonseca e unha cuncha de vieira.

Entre as fermosas casas que paga a pena contemplar con tranquilidade, destaca o Palacete das Mendoza, sede do Padroado de Turismo Rías Baixas, un centro de atención e información ao turista. Obra do arquitecto Alejandro Rodríguez Sesmero, artífice doutros edificios emblemáticos da cidade como a Casa Consistorial ou o Pazo da Deputación Provincial, o palacete foi o máis luxoso do seu tempo e o primeiro que contou coa acometida de auga corrente. Posúe o estilo ecléctico imperante a finais do s. XIX con elementos e inspiración na arquitectura francesa. Consta de soto, baixo e primeira planta.

O palacete ten un volume cúbico e presenta unha curiosa peculiaridade nas súas fachadas: dos tres paramentos da fachada principal e da posterior resalta o central sobre os outros dous, e nas fachadas laterais, é o paramento central o que se recúa respecto aos outros dous. Os entrepanos están encalados en cor branca.

A porta principal está enmarcada con xambas e un lintel curvo, tipo fenêtres bombée, sobre o que se asenta un frontón curvado que ten na clave un escudo pequeno coas iniciais da familia. Este mesmo elemento repítese en todas as fiestras desta planta principal que dispoñen, ademais, dun peitoril con balaústres de pedra.

Na planta superior, mantense a simetría coas fiestras pero, pola contra, teñen todas elas un balcón en ferro voado e un lintel curvo, tamén tipo fenêtres bombée, sobre un frontón triangular suxeito por dúas ménsulas. A cornixa está decorada con motivos circulares.

Antes da súa construción, erguíase neste soar o castelo medieval dos arcebispos de Santiago, ou dos Churruchaos, e as Torres Arcebispais, cuxo centro de interpretación (CITA) sitúase nas proximidades. O actual edificio foi construído por mandato da irmá do eximio almirante Casto Méndez Núñez, heroe da batalla do Callao. Logo herdouno á súa sobriña, a pintora Carmen Babiano, e esta, á súa vez, cedeullo ás súas sobriñas-netas, María e Concepción Mendoza Babiano, quen exerceron unha grande influencia na sociedade e na cultura da cidade. Elas foron as últimas inquilinas e causa de que o palacete sexa coñecido como “das Mendoza”. A partir de aquí, caeu en abandono ata mediados de 1980, cando serviu de escenario para a gravación da serie de televisión Os gozos e as sombras, baseada na novela de Gonzalo Torrente Ballester. Foi recuperado por unha entidade bancaria, que tivo aí a súa sede ata que a Deputación de Pontevedra se interesou polo inmoble e o adquiriu a mediados de 2004.

Con motivo do abastecemento de auga corrente á cidade e ás súas prazas, tamén planificado polo arquitecto Sesmero, en 1887 instaláronse varias fontes de ferro. Unha delas está agora situada enfronte do palacete.

Compráronse dúas en París e encargáronse tres segundo o modelo francés a unha fundición en Vigo. En total, cinco, mais só se instalaron catro e ninguén sabe a ciencia certa cal foi o destino da quinta. Ao longo do tempo pasaron por diferentes localizacións, pero hoxe en día, están colocadas detrás da Capela da Peregrina, na praza da Verdura e na praza de Curros Enríquez e nesta praza. Feitas en ferro fundido pintado en bronce antigo, con zócolo cuadrangular e con catro lados rematados en arestas con figuras de tritóns. O plano principal de cada lado está decorado con ornamentos florais e cunchas e coa cara dun fauno que presenta un surtidor na boca que verte auga sobre un prato inferior, sostido polo fuste da fonte. Como remate, no pináculo figura un espléndido floreiro ornamental con asas e tapa. Hoxe constitúen un dos sinais de identidade da cidade. E aínda que a súa función é máis ornamental, seguen a cumprir a súa misión de que "Pontevedra é boa vila, dá de beber a quen pasa…".

Situación

Praza de Alonso Fonseca
36002, Pontevedra

Coordenadas GPS

Coordenadas WGS84 (Google):
Lat: 42°26'1.15"N
Lnx: 8°38'48.73"O

Visit-Pontevedra - Concello de Pontevedra Turismo de Pontevedra S. A.
CASA DA LUZ
Praza da Verdura s/n
36002 - Pontevedra
+34 986 090 890
Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.
  
Top

© 2017 Turismo de Pontevedra. Concello de Pontevedra.
Todos os dereitos reservados