Praza da Verdura

  • Praza da Verdura
  • Praza da Verdura
  • Praza da Verdura

Debe o seu nome ao tradicional mercado de verduras e froitas que se celebraba nela todas as mañás, agás os domingos e festivos. No século XIX instalouse aquí unha fábrica da luz, na actual Casa da Luz, e converteuse así Pontevedra nunha das primeiras cidades españolas en contar con este servizo (1888).

Os edificios que rodean esta praza se distinguen polos seus soportais con antigos locais de tabernas típicas. Nun deles destaca unha fermosa fiestra con mainel e coroada por un pequeno rosetón. Agochada durante moito tempo, a retirada dunha gran placa de cemento que tapiaba, non só a fiestra, senón os laterais desta vivenda, permitiu descubrir neses laterais os arcos góticos que flanqueaban o soportal e a fiestra da que sen dúbida foi una espléndida casa gótica.

Tamén destaca neste lugar unha das fontes de ferro fundido colocadas en 1887 con motivo do abastecemento de auga corrente á cidade e ás súas prazas, planificado polo arquitecto Alejandro Rodríguez Sesmero.

Compráronse dúas en París e encargáronse tres segundo o modelo francés a unha fundición en Vigo. En total, cinco, mais só se instalaron catro e ninguén sabe a ciencia certa cal foi o destino da quinta. Ao longo do tempo pasaron por diferentes localizacións, pero hoxe en día, están colocadas detrás da Capela da Peregrina, na avenida de Santa María, na Praza de Curros Enríquez e nesta praza. Feitas en ferro fundido pintado en bronce antigo, con zócolo cuadrangular e con catro lados rematados en arestas con figuras de tritóns. O plano principal de cada lado está decorado con ornamentos florais e cunchas e coa cara dun fauno que presenta un surtidor na boca que verte auga sobre un prato inferior, sostido polo fuste da fonte. Como remate, no pináculo figura un espléndido floreiro ornamental con asas e tapa. Hoxe constitúen un dos sinais de identidade da cidade. E aínda que a súa función é máis ornamental, seguen a cumprir a súa misión de que "Pontevedra é boa vila e dá de beber a quen pasa…".

Situación

Praza da Verdura
36002, Pontevedra

Coordenadas GPS

Coordenadas WGS84 (Google):
Lat: 42°25'57.61"N
Lnx: 8°38'36.79"O

Visit-Pontevedra - Concello de Pontevedra Turismo de Pontevedra S. A.
CASA DA LUZ
Praza da Verdura s/n
36002 - Pontevedra
+34 986 090 890
Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.
  
Top

© 2017 Turismo de Pontevedra. Concello de Pontevedra.
Todos os dereitos reservados