Praza da Peregrina

  • Praza da Peregrina

Parada obrigatoria e epicentro da cidade, aquí se atopa a famosa Capela da Virxe da Peregrina, emblema do Camiño Portugués de peregrinación a Santiago cunha peculiar planta con forma de vieira.

A poucos metros, destaca toda unha icona da cidade: a estatua do papagaio Ravachol, “alma do Entroido de Pontevedra”, como reza na súa base a inscrición. Trátase dunha peza feita en ferro polo escultor pontevedrés José Luis Penado no lugar onde se atopaba a botica de don Perfecto Feijoo, afamada máis que polos seus produtos médicos por ser centro de reunión e faladoiro da Pontevedra de principios do s. XX.

Crese que Ravachol chegou ás mans do boticario na década dos oitenta do s. XIX. Era un papagaio gris africano, especie recoñecida polas súas capacidades para a repetición de sons.

Asentado na botica, ao principio permanecía case mudo, pero axiña exteriorizou o seu carácter alborotador e irreverente que levaba dentro co vocabulario cuarteleiro de palabras e frases que escoitaba ao seu dono e a todas as persoas que pasaban pola farmacia.

Axiña se fixo popular e querido polas persoas que visitaban a farmacia, e así comezou a sona de Ravachol, que toma o seu nome dun famoso anarquista francés de finais do s. XIX.

Coñecidas e famosas son as frases que Ravachol adoitaba pronunciar. A máis frecuente era "Se collo a vara", en alusión á que lle mostrou o seu amo ameazándoo con darlle de paus, recriminando así o seu mal comportamento verbal, e que adoptou como propia para dirixirse aos que se metían con el. Cando Perfecto Feijoo o deixaba só na botica para permanecer na trastenda, non tardaba en avisalo: "Don Perfecto, xente na tenda" ou "Don Perfecto, parroquia". Ás veces xogaba a ser adiviño, ofrecendo xa por anticipado a mercadoría que pensaba ía adquirir a clienta, como "Un patacón de manesia", ou advertíndoos de que "Aquí non se fía" se o comprador tiña mal aspecto. Se quen visitaba era un sacerdote, podía manifestar a súa aversión ao clero imitando o son dos corvos. Tamén se despachou ben a gusto con varios persoeiros da época. A mesma escritora Emilia Pardo Bazán foi obxecto dos seus improperios logo de ameazalo polas frases groseiras con que a recibiu, acabando o animal por deixar saír do seu pico a palabra "puta".

A súa morte, nun martes de Entroido de 1913, sorprendeu ao boticario, pero máis o sorprenderon as masivas mostras de condolencia que chegaban á farmacia, polo que se organizou un grande enterro que congregou a toda a cidade no velorio, no cortexo pola cidade e nun grande espectáculo de despedida no desaparecido Circo-Teatro.

O querido Ravachol foi adoptado e recuperado desde o ano 1985 como símbolo do Entroido pontevedrés, que marca o seu fin coa súa queima pública na praza da Ferraría.

Situación

Praza da Peregrina
36002, Pontevedra

Coordenadas GPS

Coordenadas WGS84 (Google):
Lat: 42°25'52.95"N
Lnx: 8°38'38.66"O

Visit-Pontevedra - Concello de Pontevedra Turismo de Pontevedra S. A.
CASA DA LUZ
Praza da Verdura s/n
36002 - Pontevedra
+34 986 090 890
Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.
  
Top

© 2017 Turismo de Pontevedra. Concello de Pontevedra.
Todos os dereitos reservados