Praza da Leña

  • Praza da Leña

A praza da Leña, a de menor tamaño das do centro histórico, é un dos emprazamentos máis pintorescos, visitados e fotografados de Pontevedra, repetida ata a saciedade en representacións da cidade, postais, guías de viaxe...

Como moitas das prazas da vila que reciben o seu nome da actividade que nelas se desenvolvía, aquí se vendía a madeira e as piñas tan necesarias para alimentar os fornos e as antigas calefaccións antes da chegada do gas ou da electricidade. Na actualidade dedica a súa actividade á hostalaría, con multitude de bares e restaurantes con pracenteiras terrazas onde maridar gastronomía e paisaxe.

Preside o lugar un emblemático cruceiro, procedente de Caldas de Reis, que foi colocado aquí cara a 1941 por mediación de Castelao.

Nun dos laterais, atópanse tres dos edificios que compoñen o Museo Provincial: o de Fernández López, o de Castro Monteagudo –e unido a el por unha graciosa ponte– o de García Flórez. Estes últimos son dous claros exemplos da maxestade da arquitectura palaciana urbana do s. XVIII.

Do Pazo de Castro Monteagudo destaca o seu fermoso balcón suxeito con grandes modillóns, e do de García Flórez, ademais do seu enorme escudo de armas con helmado, as estatuas pétreas que se achan nas esquinas do tellado da fachada principal. Representan a Esperanza e a Fortaleza e foron colocadas aí procedentes do patio interior do antigo Pazo de San Román, na praza do Teucro, recollidas no seu día pola Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra.

Situación

Praza da Leña
36002, Pontevedra

Coordenadas GPS

Coordenadas WGS84 (Google):
Lat: 42°25'57.79"N
Lnx: 8°38'36.17"O

Visit-Pontevedra - Concello de Pontevedra Turismo de Pontevedra S. A.
CASA DA LUZ
Praza da Verdura s/n
36002 - Pontevedra
+34 986 090 890
Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.
  
Top

© 2017 Turismo de Pontevedra. Concello de Pontevedra.
Todos os dereitos reservados