Ponte do Burgo

  • Ponte do Burgo

A historia de Pontevedra está inseparablemente ligada á da ponte do Burgo: os seus vellos restos romanos deron nome á vila e hoxe non só é un dos símbolos da cidade, senón tamén o seu emblema heráldico.

A primixenia ponte foi construída polas tropas romanas para salvar o leito do río Lérez nunha das súas principais rotas de comunicación terrestre. Segundo parece, existía unha mansio viaria chamada Turoqua, un importante foco comercial situado preto da vía XIX, que unía Bracara Augusta (Braga), Lucus Augusti (Lugo) e Asturica Augusta (Astorga).

Pouco ou nada se coñece sobre a antiga ponte. Ninguén puido establecer con exactitude a súa situación, dimensión ou configuración. O achado do miliario de Hadriano, datado no ano 134, e a aliñación do camiño medieval da Santiña, indican que podería estar augas abaixo respecto da actual da actual, xa que na época romana o leito do río era moito menos ancho.

Mentres durou o imperio romano, mantívose a infraestrutura de comunicación uns cantos séculos máis. O comercio e a navegación reducíronse ao mínimo e aquela vella Turoqua foi esmorecendo e despoboándose en beneficio das fértiles terras dos arredores.

Ata ben entrado o s. XII, o comercio terrestre e marítimo non volvería a reactivarse. Durante este tempo crese que a ponte se mantivo en pé ata a refundación da cidade en 1169, aínda que en tan mal estado que houbo necesidade de facer unha nova ao seu carón. Non obstante, a decrepitude da ruína romana xa servira para bautizar o núcleo de poboación que se estaba a formar como Ponte Veteri (a ponte vella).

Ao longo dos séculos posteriores, a cidade consolidou a súa vocación pesqueira e chegou a obter importantes privilexios comercializadores. En 1467 concédeselle a celebración da Feira Franca e en 1484 iníciase a actividade da pesca do cerco. O río comunicaba a vila coas reservas forestais do interior, importante tanto para o comercio de madeira como para a construción naval e a industria de toneis. A exportación de viño do Ribeiro que portaban os arrieiros polo camiño de Castela adquiriu enorme relevancia. E así, Pontevedra foi converténdose nun dos máis importantes enclaves costeiros galegos, de feito, durante o s. XV, chegou a ser a maior vila de Galicia.

Polo que respecta á súa fisionomía, a ponte do Burgo experimentou, ao longo dos seus anos de vida, moitos cambios e sobreviviu aos contratempos. O propio crecemento da vila e a necesidade de gañar calado nun río cada vez máis afectado polos sedimentos obrigaron a sucesivas obras de consolidación e mellora. A primitiva ponte contaba con quince arcos rebaixados de medio punto construídos en cachotaría. Na actualidade só son visibles once, xa que os avances dos diques ocasionaron o soterramento de catro deles, que se descubriron nas escavacións arqueolóxicas realizadas en 2006. Tamén dos apenas tres metros de ancho que tiña no s. XII foise ampliando ata os máis de once que ten hoxe en día.

Arredor de 1570 Mateo López foi presuntamente quen acometeu a primeira gran obra de mellora e ensanche documentada. A riada orixinada en 1658 fixo necesario o derruba do peitoril para que as augas puidesen circular. Houbo que proceder a traballos de reparación por mor dos danos ocasionados, os cales consistiron fundamentalmente en renovar as lousas do pavimento e substituír os recheos.

O resultado destas reformas foi o que inmortalizou Pier María Baldi en 1669 aproveitando a viaxe de Cosme III de Médicis. Daquela a ponte tiña doce arcos, os mesmos que cando en 1697 alguén describira as súas medidas: 158 m de longo e 3,75 de ancho. Grazas a este debuxo que se conserva na Biblioteca Laurenciana de Florencia, sábese que pola entrada norte da ponte existía unha porta cun terreo baleiro anexo pola súa esquerda. Tratábase dunha especie de casteliño, a modo de arco triunfal, con dúas torres cilíndricas –lisas e cun remate de bóveda de media laranxa–, que flanqueaban unha bóveda de medio canón. Descoñécese calquera dato sobre a súa construción e, malia que xa se encontraba en penoso estado, é probable que fose derrubado a finais do s. XVIII.

Na cabeceira sur, a que toca a cidade, erixíase sobre o arco de arranque a Torre da Ponte, unha construción de tres pisos de altura, cuberta a catro augas e unha porta cun gran arco de entrada no andar baixo. Arrimado á esquerda, en plano máis baixo, erguíase un macizo edificio de dous pisos que era o cárcere. Todo este conxunto foi derrubado na invasión inglesa en 1719, durante a Guerra da Cuádrupla Alianza que enfrontou á Monarquía de España de Felipe IV coa coalición formada polo Sacro Imperio Romano Xermánico, a monarquía de Francia, o Reino Unido da Gran Bretaña e as Provincias Unidas dos Países Baixos. En 1750 construíuse unha nova cadea que tampouco durou moito, e tempo despois, en 1885, levantouse nese soar a primeira praza de abastos.

Durante o s. XIX a ponte apenas sufriu modificacións. En 1890 cambiáronse os peitorís de pedra por unha varanda de ferro, á vez que se rebaixaban os tallamares e se engadía un beiril con modillóns. En 1904 fíxose un novo dique e pouco despois, en 1915, substituíuse a lousa da calzada por lastro. Retirouse un cruceiro de pedra situado no centro que actualmente se atopa colocado diante da Basílica de Santa María.

A última gran reforma, levada a cabo en 1954, deixou un aspecto moi semellante ao actual. Desmontouse toda a estrutura, reforzáronse as antigas bóvedas e construíronse outras de formigón armado recubertas de perpiaño. Estes arcos “exteriores” que voan sobre a antiga estrutura permitiron ensanchar a ponte e, para soportar a nova estrutura, construíronse uns tallamares de formigón. Ademais, incorporáronse os detalles decorativos de significación xacobea xa que é paso obrigado do Camiño Portugués de peregrinación a Santiago, que segue en boa parte o trazado da vía romana XIX.

A pesar de que as obras realizadas ao longo dos séculos transformaron considerablemente o seu aspecto exterior e xa non existen elementos nela que nos permitan enxergar o que un día foi, o seu significado segue e seguirá sempre vixente posto que a historia de Pontevedra é a historia desta ponte van indisolublemente unidas. No Escudo de Pontevedra, desde tempos inmemoriais, podemos ver a ponte con tres arcos, un cruceiro no centro e o casteliño e a Torre da Ponte nos seus laterais.

Como curiosidade, cómpre mencionar que a ponte do Burgo serviu tamén de inspiración para o desenvolvemento da identidade corporativa de Visit-Pontevedra: a sombra que proxecta a ampliación da ponte sobre a vella estrutura medieval, inspira unha icona coa que a cidade saúda a quen a visita.

Situación

Ponte do Burgo

Coordenadas GPS

Coordenadas WGS84 (Google):
Lat: 42°26'8.34"N42.433794
Lnx: 8°38'38.46"O

Visit-Pontevedra - Concello de Pontevedra Turismo de Pontevedra S. A.
CASA DA LUZ
Praza da Verdura s/n
36002 - Pontevedra
+34 986 090 890
Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.
  
Top

© 2017 Turismo de Pontevedra. Concello de Pontevedra.
Todos os dereitos reservados