Pazo de Mugártegui

  • Pazo de Mugártegui
  • Pazo de Mugártegui
  • Pazo de Mugártegui
  • Pazo de Mugártegui

O Pazo de Mugártegui é un edificio nobre barroco do s. XVIII situado na praza da Pedreira, así chamada polas actividades de talla de pedra que aquí desenvolvían os canteiros da cidade. Comprado e restaurado en 1998 polo Concello de Pontevedra, é un dos edificios máis destacados da arquitectura civil barroca da cidade. Na actualidade é a sede do Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas, e conta cun museo do viño na súa planta baixa.

O salón principal do pazo, o salón vermello, é utilizado polo Concello de Pontevedra para actos protocolarios, culturais e sociais, de feito, desde o seu balcón lese o pregón que dá comezo ás festas da Peregrina, ou o saúdo aos nenos e nenas por parte dos Reis Magos de Oriente cada 5 de xaneiro, horas antes de que salgan en cabalgata por rúas da cidade como parte da programación do Nadal.

O pazo é coetáneo da igrexa de San Bartolomeu e do Colexio da Compañía de Xesús. Foi construído a instancias de José Manuel Valladares e Figueroa, o morgado de Quintáns en Santo Estevo de Noalla (Sanxenxo) e conde de Fefiñáns, sobre as ruínas dunha casa do século XVII herdada da súa familia. Foi obra do mestre canteiro Pedro Antonio Ferreiro, natural de Muimenta, quen en 1771 rematou a construción, agás a colocación do escudo.

Curiosamente, o escudo foi motivo dunha agre disputa xa que cando a labra, obra dun mestre canteiro de Pobra do Deán, foi instalada no frontón en 1773, o propietario do pazo foi denunciado polos procuradores síndicos de Pontevedra que pretendían a súa retirada por cuestionarse o dereito do dono do pazo para portar esas armas. Tras dous anos de litixio, Manuel Valladares tivo que achegar probas documentais da súa fidalguía para conservar o seu escudo.

De feito, este escudo é unha das pezas máis notables da gran cantidade de pedras brasonadas que existen na cidade. Nun escudo acuartelado, repártense as armas das liñaxes da familia Figueroa, Araújo, Miranda e Quirós, e sobre estes, uníndoos no centro, un escudo novamente acuartelado, nos que se alternan castelos con xaquelados, probablemente representando os Valladares. Rodeando os brasóns, retórcense volutas e rocalla, propios da arte rococó, sobre as que pendura un rostro na parte inferior, mentres que a superior aparece coroada cun helmo emplumado, virado á esquerda.

O edificio conta cunha sobria fachada simétrica, organizada ao redor dun eixo central, con arco de entrada, balcón e frontón, e senllos corpos laterais. A planta baixa presenta un pórtico de sete arcos zarpaneis –tres a cada lado do arco central–, sostidos por columnas de orde toscana. Sobre el, disponse o segundo piso, con xanelas de corpo enteiro baixo arcos rebaixados. Diante da fiestra central atópase un pequeno balcón voado, con peitoril de ferro.

O corpo central está flanqueado por dúas pilastras arrimadas e lisas, iguais ás que tamén enmarcan as esquinas da fachada, coroadas por pináculos torneados. Sobre este corpo, levántase un monumental frontispicio, que é a parte máis destacada da fachada. No centro dun frontón semicircular partido, instálase o famoso escudo da discordia antes mencionada, e máis arriba, no centro dun novo frontón partido, un reloxo de sol tallado en pedra. Coroando a construción loce unha figura alegórica do astro luminoso.

Situación

Praza da Pedreira, s/n
36002, Pontevedra

Coordenadas GPS

Coordenadas WGS84 (Google):
Lat: 42°26'1.20"N
Lnx: 8°38'36.22"O

Visit-Pontevedra - Concello de Pontevedra Turismo de Pontevedra S. A.
CASA DA LUZ
Praza da Verdura s/n
36002 - Pontevedra
+34 986 090 890
Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.
  
Top

© 2017 Turismo de Pontevedra. Concello de Pontevedra.
Todos os dereitos reservados