Pazo de Lourizán

  • Pazo de Lourizán

Construído a principios do s. XIX, o Pazo de Lourizán é un edificio modernista de grandes proporcións situado na próxima parroquia de Lourizán. Foi residencia de veraneo e de lecer do político Eugenio Montero Ríos, presidente do Consello de Ministros na segunda metade de 1905, pero nel se tomaron e asinaron importantes decisións políticas; de feito, nos seus salóns negociouse o Tratado de París (1898) que puxo fin á guerra hispano-americana e polo que España perde na súa totalidade o pouco imperio colonial que lle quedaba: as illas de Cuba, Porto Rico, Filipinas e Guam. O pazo foi tamén centro de reunión de xornalistas, intelectuais e artistas.

A leira onde se sitúa hoxe o edificio existe desde o s. XV en terreos da familia Montenegro e nela parece ser que houbo unha antiga granxa, cun carácter plenamente rural e agrícola.

Este predio foi coñecido posteriormente coa denominación de Granxa da Serra, por pertencer ao marquesado de Serra; daquela xa hai constancia da existencia dun vello pazo señorial, a primixenia edificación do actual pazo.

Co paso do tempo, o marquesado da Serra pasa á familia Patiño, descendente da familia Mariño de Lobeira, e así foi como no s. XVIII o quinto marqués, Ramón Patiño e Mariño de Lobeira, herda a propiedade da súa nai. Logo, foi aforada a Francisco Genaro Ángel quen a acaba adquirindo en 1791. Á súa morte, pasa ao seu sobriño, Lorenzo Lozano de Ríos, quen se ve obrigado a vendela en poxa pública, e así chegou a mans de Atanasio Pulgar.

Décadas máis tarde, nos preitos entre a descendencia do señor Pulgar, Eugenio Montero Ríos, un avogado e político compostelán, residente en Madrid, arrenda en 1876 esta propiedade na cantidade de 25.000 pesetas. Crese que nese momento o célebre xurista xa posuía algúns terreos lindeiros, adquiridos como pago aos servizos xurídicos prestados á Marquesa de Astorga nun preito foral, que incluían a Granxa de Branco –hoxe pertencente ao Pazo de Lourizán–, e a illa de Tambo –vendida anos despois, en 1943, ao Estado pola descendencia de Montero Ríos–. En 1879, Montero Ríos merca o predio e varios inmobles máis, pola cantidade de 85.000 pesetas, ata completar un total de 52 hectáreas. Encarga a reforma do pazo ao arquitecto Jenaro de la Fuente Domínguez, quen amplía a casa principal, arranxa a capela, o curral, as cortes e as vivendas, e constrúe unha nova adega. As obras realízanse entre 1879 e 1910.

A remodelación da casa lévase sobre todo cara ao sur e ábrese cara á ría. Envólvese o antigo pazo nunha nova estrutura que dá como resultado un inmoble ecléctico –con influencias do modernismo, do clasicismo e da arquitectura francesa–, simétrico, con clara tendencia horizontal, e maxestoso polas súas grandes dimensións.

O volume distribúese en planta baixa e dous pisos, cunha parte central formada por un corpo alto entre dous máis saíntes, os tres con torres, e dúas ás laterais.

Accédese ao edificio por unha dobre escalinata de pedra de corte imperial, con balaústres, custodiada por estatuas de mármore branco. Ocupa o espazo ofrecido polo recuamento do corpo central e presenta unha terraza semicircular con balcón que, a modo de miradoiro, descansa sobre unha gruta escondida tras as ramaxes entre os brazos da escaleira.

A fachada do corpo central está realzada por un brasón que coroa un frontón triangular, cun libro, símbolo da profesión de Eugenio Montero Ríos; un reloxo entre dúas pilastras acanaladas; e un frontón curvo con dúas volutas que envolven as iniciais dos propietarios, Eugenio e Avelina.

Á súa vez, as torres laterais compóñense de ocos alintelados con pilastras pseudodóricas. As cúpulas das tres torres, con mansardas de estilo francés, están realizadas en escamas de lousa e rematadas cunha cristaría de cinc, con óculos no peitoril das torres laterais.

O gran número de ventás existentes e o acristalamento dotan ao edificio dunha grande luminosidade e lixeireza. Destaca o balcón do segundo piso, en pleno centro da fachada principal, que presenta un arco de medio punto e unha balaustrada. Debaixo, está a porta principal, flanqueada por senllas fornelas con esculturas femininas, en cuxos vidros se poden ver as iniciais entrelazadas dos propietarios.

Na primeira planta despréganse outros seis balcóns: dous nas torres, outros dous nos extremos da fachada e dous máis na fachada noroeste. De novo, o espazo aberto polo recuamento da fachada permite a creación de dúas grandes terrazas cunha balaustrada rematadas con floreiros pétreos.

Ademais da importancia arquitectónica do edificio, posúe un importante xardín botánico con especies exóticas e autóctonas. Creado en 1949 baixo a denominación de Arboreto, reúne especies plantadas no xardín desde o século XIX ata a actualidade. Moitas delas, pola súa relevancia natural, paisaxística e cultural, están incluídas no Catálogo de Árbores Senlleiras da Xunta de Galicia, como o cedro do Líbano, a metasequoia glyptostroboides, os castiñeiros xaponeses e chineses, o olmo holandés, as palmeiras raíñas ou as inmensas magnolias.

Nesta contorna habitan máis de 600 exemplares de camellia japonica de distintos cultivares. Os espécimes máis antigos datan do s. XIX e crese que pertencen ao establecemento hortícola portugués de José Marques Loureiro.

O xardín decórase cun hórreo galego de oito pares de pés (1798), un pombal ameado de planta circular, un invernadoiro modernista único en Galicia polo seu tamaño e fábrica de vidro e de ferro, unha mesa de granito de 6 metros de longo e unha soa peza (segundo din traída dunha roca da illa de Tambo), e diversas fontes históricas dos séculos XVII e XVIII: a da Cuncha, a dos Tres Canos, a do Patio e a da Gruta dos Espellos, adornada con vidros de cores.

A Deputación de Pontevedra adquiriu o Pazo de Lourizán a principios da década de 1940, comprándollo á Caixa de Aforros Provincial de Pontevedra e (unha quinta parte) á marquesa viúva de Alhucema. En 1943 cedeullo ao Ministerio de Educación para o seu uso como Centro Rexional de Ensinos, Investigacións e Experiencias Forestais. En 1946 converteuse en Escola Técnica Superior de Montes. Actualmente, o Centro de Investigación Forestal de Lourizán está integrado na estrutura da Subdirección Xeral de Innovación e Experimentación Agroforestal da Consellería do Medio Rural e Mar da Xunta de Galicia.

Situación

Estrada Pontevedra-Marín, km 3,5
Lourizán (Santo André), Agrovello
36153, Pontevedra

Coordenadas GPS

Coordenadas WGS84 (Google):
Lat: 42°24'34.32"N
Lnx: 8°39'53.07"

986 805 000

Horario

  • De luns a venres, de 8.00 a 15.00 h
  • Sábado e domingo, de 10.00 a 18.00 h

O edificio do Pazo non é visitable.
Entrada de balde aos seus xardíns.

Visit-Pontevedra - Concello de Pontevedra Turismo de Pontevedra S. A.
CASA DA LUZ
Praza da Verdura s/n
36002 - Pontevedra
+34 986 090 890
Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.
  
Top

© 2017 Turismo de Pontevedra. Concello de Pontevedra.
Todos os dereitos reservados