Museo de Pontevedra - Sexto Edificio

  • Sexto Edificio

Tanto pola calidade como pola variedade dos seus fondos o Museo de Pontevedra está considerado como un dos museos provinciais máis importantes de España. Fundado en 1927 baixo os auspicios da Deputación Provincial (presidida daquela por Daniel da Sota e Valdecilla), o Museo de Pontevedra é tamén un destacado centro de investigacións e alberga un arquivo e biblioteca dos máis valiosos de Galicia. O percorrido polos seus edificios e salas é unha visita á historia, á arqueoloxía e á arte galegas.

Os seus fondos repártense en seis sedes diferentes: o edificio Castro Monteagudo, o edificio García Flórez, o edificio Fernández López, o edificio Sarmiento, as Ruínas do Convento de San Domingos e un moderno Sexto Edificio entre as rúas Serra e Padre Amoedo.

Edificio Castro Monteagudo

Construído no s. XVIII, está situado na praza da Leña e recolle coleccións de arqueoloxía, xoiería prerromana e romana, ourivería e pratería popular e civil (colección Fernández de la Mora) e pintura española, italiana e flamenca dos séculos XV ao XVIII.

Edificio García Flórez

Unido por unha ponte ao edificio Castro Monteagudo, tamén do s. XVIII, acolle unha ampla exposición de acibeches, gravados, escultura relixiosa, louza de Sargadelos, así como o despacho do almirante Méndez Núñez e unha reprodución da cámara da fragata Numancia, totalmente fidedigna, ademais dunha antiga cociña tradicional galega e as salas dedicadas a Castelao.

Edificio Fernández López

Situado tamén na praza da Leña, expón unha mostra da pintura española dos séculos XIX e XX. Alberga tamén a biblioteca e os arquivos, un bo exemplo de arquitectura contemporánea.

Edificio Sarmiento

Situado moi preto da praza da Leña, na rúa Sarmiento, número 51, ao lado da igrexa de San Bartolomeu. Foi construído no s. XVIII.

Ruínas do Convento de San Domingos

Situadas na parte máis alta do centro histórico de Pontevedra (Gran Vía de Montero Ríos, s/n); hoxe só se conservan as evocadoras e misteriosas ruínas da cabeceira da súa igrexa (s. XIV), concibida con cinco capelas absidais, xunto coa fachada da sala capitular (algo posterior) cunha pequena portada e rosetón. No interior podemos atopar a sección de arqueoloxía do Museo, de onde destaca a colección de escudos heráldivos, así como laudas gremiais e capiteis visigóticos e románicos.

Sexto Edificio

Edificio de recente construción e incorporación ao Museo, situado na horta da Compañía de Xesús, detrás da igrexa de San Bartolomeu e do Edificio Sarmiento. Dispón dunha superficie de 10.000 metros cadrados, a maior parte destinada a exposicións, tanto permanentes, como temporais.

Por rehabilitación, conservación ou montaxe, nestes momentos están pechados os edificios Castro Monteagudo e García Flórez.

Situación

Rúa do Padre Amoedo Carballo, 3, esquina Serra
36002, Pontevedra

Coordenadas GPS

Coordenadas WGS84 (Google):
Lat: 42°26'0.71"N
Lnx: 8°38'30.80"O

986 804 100

http://www.museo.depo.gal

Horario

  • De martes a sábados: de 10 a 21h
  • Domingos e festivos: de 11 a 14h
  • Luns: pechado
  • 24, 25, 31 de decembro e 1 e 6 de xaneiro: pechado
Visit-Pontevedra - Concello de Pontevedra Turismo de Pontevedra S. A.
CASA DA LUZ
Praza da Verdura s/n
36002 - Pontevedra
+34 986 090 890
Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.
  
Top

© 2017 Turismo de Pontevedra. Concello de Pontevedra.
Todos os dereitos reservados