Mosteiro de San Salvador de Lérez

  • Mosteiro de San Salvador de Lérez

O mosteiro de San Salvador ou de San Bieito atópase na parroquia de Lérez onde o Camiño Portugués a Santiago coincide coa calzada romana. Popularmente coñecido como “san Benitiño”, foi fundado no século X polos monxes beneditinos.

O estilo románico da construción orixinal perdeuse coas obras de reforma acontecidas nos séculos XVI e XVII. Por aquel tempo, o mosteiro tivo que ser ampliado ao serlle concedido en 1661 un Colexio de Artes, uns estudos que hoxe case equivalerían a Humanidades e Filosofía, o que esixía aulas e dormitorios para o alumnado. Por aquí pasaron mestres e alumnos tan ilustres como o Padre Feijoo e o Padre Martín Sarmiento, entre outros.

Coa desamortización de Mendizábal e a consecuente expulsión dos monxes en 1835, o mosteiro quedou sometido ao saqueo e á ruína: desapareceron os cálices, os ornamentos sacros, as vestiduras litúrxicas e a formidable biblioteca con valiosos pergamiños e libros antigos.

Hoxe, do primitivo edificio perdura unha pedra cunha inscrición na que figuran os nomes dos santos en cuxa honra foi levantada a igrexa. Do s. XVI consérvanse a escaleira, o patio e unha á do claustro, ademais das antigas dependencias dos monxes: cociña, refectorio, sala capitular, biblioteca e parte das celas.

O patio interior está pechado pola portada que noutrora cerraba o mosteiro. Na súa fachada loce o escudo da Casa, brasonado cun castelo, un león e o báculo do abade timbrado coa coroa real. Preto deste lugar, atópase unha gran pía de pedra, en forma de cuncha, que data do s. XIV. Colocouse fóra do recinto amurallado para que fose máis fácil o seu uso por parte das moitas persoas que acoden na procura da auga que nace no manancial dos monxes, a dous quilómetros de distancia.

A parte do claustro que se conserva permite imaxinar a extraordinaria beleza que debeu ter no seu momento de esplendor. Consta de dous corpos con arcos de medio punto que descansan en columnas exentas con fermosos capiteis.

A igrexa, de construción moi posterior á fundación do mosteiro, é de estilo neoclásico con elementos barrocos, formada por unha soa nave rectangular. Na súa fachada figura gravada en números romanos o ano da súa construción: MDCCXLVIII (1748). Está composta dun corpo central cunha torre con pináculo a cada lado. Sobre a porta principal hai unha fornela coa imaxe de san Bieito, co báculo abacial, o libro da súa Regra e un corvo aos seus pés. A parede sur presenta unha porta de arco conopial de finais do século XV.

No interior, destaca a capela de san Bieito, de época anterior á igrexa xa que consta que estaba en obras en 1700. Está cuberta con bóveda apoiada en arcos de medio punto e unha pequena cúpula semiesférica, cun óculo cenital que permite o paso da luz. Ademais da talla de san Benitiño de Lérez, o santo máis milagreiro, aquí se atopa a imaxe do Salvador, unha versión do Pantocrátor do Pórtico da Gloria da Catedral de Santiago pero que, a diferenza doutras semellantes, o Salvador de Lérez non leva coroa. É de principios do século XIV.

Cada 11 de xullo o mosteiro é escenario da tradicional romaría popular de san Bieito, coa que se dá inicio o ciclo festivo de verán da cidade de Pontevedra e á que acoden cada ano miles de devotos. A tradición consiste en pasar de xeonllos por debaixo do altar do santo como ofrenda.

O mosteiro de San Salvador de Lérez e os seus arredores foron declarados monumento histórico-artístico e paraxe pintoresca por decreto do 21 de xuño de 1946. É tamén Ben de Interese Cultural (BIC).

Situación

Lugar da Porta do Sol, 31
36156, Pontevedra

Coordenadas GPS

Coordenadas WGS84 (Google):
Lat: 42°26'57.27"N
Lnx: 8°37'55.65"O

986 770 000

http://www.sanbenitodelerez.com

Visit-Pontevedra - Concello de Pontevedra Turismo de Pontevedra S. A.
CASA DA LUZ
Praza da Verdura s/n
36002 - Pontevedra
+34 986 090 890
Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.
  
Top

© 2017 Turismo de Pontevedra. Concello de Pontevedra.
Todos os dereitos reservados