Igrexa de San Francisco

  • Igrexa de San Francisco
  • Igrexa de San Francisco
  • Igrexa de San Francisco
  • Igrexa de San Francisco
  • Igrexa de San Francisco

Construída nun elevado cerro, nun soar da casa de Soutomaior daquela fóra do perímetro da muralla medieval da cidade, esta igrexa conventual dos franciscanos é unha obra mestra da arte das ordes mendicantes que chegaron á cidade na época do seu primeiro esplendor.

De estilo gótico tardío ou oxival, foi declarada monumento histórico-artístico en 1896.

A igrexa ten planta de cruz latina; presenta unha nave maior e cuberta con estrutura de madeira a dúas augas. Posúe unha ábsida central precedida dun tramo recto e do transepto. O cruceiro ten a cuberta máis elevada, a catro augas sobre estrutura de madeira que se apoia sobre catro arcos torais apuntados.

A cabeceira está composta por tres ábsidas poligonais, heptagonal a maior e pentagonais as laterais; cóbrese con bóvedas de cruzaría sobre columnas acodilladas ás xambas, dúas por lado, de capiteis con temática vexetal, reforzadas con contrafortes graduados exteriores.

A capela maior está rodeada por un zócolo de arcos apuntados sobre os que se alzan alongandas e vidradas ventás grandes de sinxela trazaría e con mainel central. A esta capela únense as dúas ábsidas laterais que ofrecen unha disposición similar pero en escala reducida. Cada unha delas ilumínase mediante dúas ventás oxivais que manteñen a simetría do conxunto. A entrada ás tres ábsidas faise a través de arcos apuntados.

No muro oeste do brazo sur do transepto, xusto enfronte da ábsida da Epístola, abriuse no s. XV unha capela contra-absidal. Ten cinco panos, bóveda de abanico e arco de entrada apuntado, como as restantes ábsidas menores. Este lateral do transepto ilumínase mediante un rosetón vidrado, colocado no testeiro.

En situación privilexiada no cruceiro, hai que destacar dous sartegos xacentes: o da esquerda, na Epístola, corresponde a Paio Gómez Chariño, o célebre trobador e almirante do mar de finais do s. XIII e á súa esposa, María Giráldez Maldonado; e o do lado do Evanxeo, a un matrimonio de familia nobre, vinculado á liñaxe dos Cru pola heráldica que o acompaña, que que se cre que é de finais do s. XIII ou principios do s. XIV. Tamén cómpre resaltar a imaxe de Xesús Nazareno (talla do s. XIX) e as pinturas murais situadas na parte lateral esquerda pertencentes aos séculos XVI e XVIII.

Na austera fachada occidental chama a atención o gran rosetón de trazaría dodecagonal e de cinco metros de diámetro, que procede do convento de San Domingos, segundo afirman algúns historiadores. Contrasta coa modesta portada de acceso con arco levemente apuntado de dobre arquivolta sobre o que descansan dous pares de columnas achegadas. Un contraforte a cada lado flanquea esta porta xunto con dúas pequenas fiestras abucinadas con arco oxival. Á esquerda, en plano retrasado, levántase unha torre-campanario barroca.

As dependencias do convento achábanse na á oeste do conxunto. A súa fachada principal forma un ángulo de noventa graos coa da igrexa, aínda que polo lado norte, e integra a Porta de San Domingos, a única que se conserva da muralla medieval, desmantelada en 1854.

Arrimado ao muro norte da igrexa está o claustro do s. XVIII, con planta cadrada e cruceiro no centro e dous corpos, ambos con ventás rectangulares alinteladas, balcóns e portas centrais.

Malia que a escasa documentación conservada non permite establecer unha satisfactoria cronoloxía da súa fundación, suponse que foi entre 1214 e 1235. Un dato historicamente comprobado é que existía xa en 1274, cando recibe a primeira doazón, segundo consta no Arquivo Histórico Nacional. As modificacións e reformas que van transformando e enriquecendo a igrexa realizáronse desde finais do s. XIV ata o s. XVIII, e consistiron fundamentalmente na construción de capelas funerarias, altares e arcosoliums, financiados por familias importantes da vila como a de Chariño, a de Soutomaior, Cru, Mariño de Lobeira, García de Rajoó ou Aldao. Do templo orixinal do s. XIII só se conserva a portada e o corpo do templo. Á súa vez, a cabeceira e as ábsidas son do s. XIV e a escalinata que dá acceso á porta principal levantouse en 1853.

A opulencia deste templo provocou envexa nos membros da orde dominica instalados na cidade, que remataran a súa igrexa dez anos antes, e que decidiron iniciar en 1380 a edificación doutra igrexa maior que a franciscana, con cinco ábsidas. Este grande apoxeo na construción debeuse ao gran número de doazóns económicas procedentes de familias podentes, medorentas da morte procedente da peste bubónica que asolou Europa nesa época.

Logo da desamortización de Mendizábal, os franciscanos tiveron que abandonar a vila en 1836 e o recinto quedou deshabitado. Durante décadas, o templo estivo abandonado, algunhas das súas capelas foron demolidas e o convento converteuse en sede do goberno civil, da deputación e da delegación de facenda. O corpo central mantívose en pé ata o regreso dos frades en 1909. Por aquel entón, construíron a súa nova residencia sobre a sancristía, no muro leste.

A igrexa foi rehabilitada en 1923 e en 1995 sufriu un incendio polo que tivo que ser novamente restaurada. A pesar dos cuantiosos danos materiais, o seu legado histórico artístico apenas se viu afectado.

Situación

Praza da Estrela s/n
36002, Pontevedra

Coordenadas GPS

Coordenadas WGS84 (Google):
Lat: 42°25'52.60"N
Lnx: 8°38'35.29"O

Visit-Pontevedra - Concello de Pontevedra Turismo de Pontevedra S. A.
CASA DA LUZ
Praza da Verdura s/n
36002 - Pontevedra
+34 986 090 890
Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.
  
Top

© 2017 Turismo de Pontevedra. Concello de Pontevedra.
Todos os dereitos reservados