Igrexa de San Bartolomeu

  • Igrexa de San Bartolomeu
  • Igrexa de San Bartolomeu

Concibida nun principio como un conxunto de igrexa e colexio de xesuítas, é un dos poucos exemplos que existen en Galicia do Barroco italiano.

Favorecidos polo Concello, os xesuítas chegaron en 1635 a Pontevedra, onde foron moi ben acollidos polas familias adiñeiradas da vila, dada a reputación educadora da orde.

Numerosas foron as doazóns recibidas para emprender a custosa construción de ambos os edificios, pero non suficientes. Así as cousas, recorreuse ao adiñeirado sacerdote pontevedrés Jorge de Andrade, que daquela estaba a realizar o seu labor evanxelizador en terras peruanas. Reunidos fondos dabondo, o inicio da construción demorouse no tempo, pero en 1714 a igrexa quedou oficialmente consagrada.

De planta rectangular e de cruz latina, consta de tres naves de tres tramos, mais cruceiro cunha capela maior entre dúas sancristías. A súa fachada é de dous pisos e tres corpos con seis grandes columnas dóricas sobre bases, que lle outorgan ese aire de grandiosidade e verticalidade. Na parte superior, a ambos lados, figuran dúas torres dun só corpo con campanarios, e no centro, o escudo de armas de España. Na parte inferior, sobre a única porta de acceso, áchase unha fornela coa imaxe da Inmaculada.

Os contrafortes laterais –que dan nome á rúa dos Arcos de San Bartolomeu– son, ao parecer, consecuencia do terremoto que devastou Lisboa en 1755 e que puxo en alerta á cidade do Lérez sobre os efectos dun sinistro semellante como o vivido na capital lusa.

No interior, sobresae no altar maior un retablo barroco do s. XVIII, dividido en tres corpos. O primeiro corpo levántase sobre un zócolo con catro ménsulas que apoian catro columnas salomónicas. No segundo corpo hai outras catro columnas, máis pequenas e con menos decoración floral. O último corpo, no que finaliza o retablo, presenta forma semicircular para adaptarse ao muro do testeiro oculto polo retablo. Preside o altar A Nosa Señora da Concepción e do Bo Consello, talla do s. XVIII, que daba nome ao templo en tempos da Compañía de Xesús. No lugar máis elevado atópase a imaxe de san Ignacio de Loyola e no centro, na fornela principal, recibe culto san Bartolomeu, vestido cun manto vermello e portando a palma do martirio, unha espada e un pergamiño. Aos seus pés, xace, vencido, un demo alado.

Á nave principal ábrense as capelas laterais con arcos de medio punto sobre impostas e intradorso de casetóns resaltados. Atesouran un extraordinario conxunto de retablos e esculturas, atribuídas a artistas da envergadura de Pedro de Mena, Gregorio Fernández, Pedro de Campo ou Bieito Silveira, entre outros das escolas compostelá e castelá. Cómpre destacar a imaxe da Virxe do O (patroa da cidade), claramente embarazada, así como a da Magdalena e a Virxe da Soidade.

Destaca tamén a súa cúpula que se alza sobre cunchas con escudos de orla floral e coroa.

Transformouse en igrexa parroquial en 1836 ao substituír a San Bartolomeu O Vello, parroquia dos gremios artesáns, de burguesía comercial e da nobreza de Pontevedra, que ocupaba o soar onde actualmente están o Teatro Principal e o Liceo Casino e que foi derrubada entre 1842 e 1844.

O edificio contiguo, coñecido como Edificio Sarmiento, era a sé do Colexio da Compañía de Xesús ata a súa expulsión no 1767; na actualidade pertence aoMuseo de Pontevedra. Son notables nel o claustro e, sobre todo, a grandiosa escaleira de 1722.

Situación

Rúa do Padre Sarmiento, 51
36002, Pontevedra

Coordenadas GPS

Coordenadas WGS84 (Google):
Lat: 42°25'58.89"N
Lnx: 8°38'32.95"O

Visit-Pontevedra - Concello de Pontevedra Turismo de Pontevedra S. A.
CASA DA LUZ
Praza da Verdura s/n
36002 - Pontevedra
+34 986 090 890
Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.
  
Top

© 2017 Turismo de Pontevedra. Concello de Pontevedra.
Todos os dereitos reservados