Convento de Santa Clara

  • Convento de Santa Clara

No último terzo do s. XIII establecéronse en Pontevedra as ordes mendicantes. A tripla presenza de dominicos, franciscanos e clarisas, excepcional nas vilas galegas, e o soberbio dos seus templos e conventos, son o reflexo da puxanza da vila naquel momento.

A comunidade de monxas clarisas, segunda das ordes de san Francisco, instalouse na cidade nunha zona extra muros, xunto ao Camiño de Castela, próxima á torre e Porta de Rochaforte, logo chamada Porta de Santa Clara.

A finais do século XIII comezaron a construír o templo que, grazas a numerosas doazóns privadas, puido ser ampliado ao longo dos s. XIV e XV. De estilo gótico, presenta unha nave rectangular sen cruceiro, rematada nunha ábsida poligonal, máis alta e estreita que a nave, con recubrimento de madeira.

A capela maior ten arco de ingreso apuntado, en estrutura pentagonal e bóveda de cruzaría apoiada en contrafortes. Nos panos centrais (o espazo que hai entre os nervios da bóveda) dispóñense cinco ventás grandes vidradas con forma oxival e parteluz central.

Dentro da austeridade formal da fachada norte, a que dá á rúa, resaltan dúas portas enmarcadas por un saínte de pilastras e arcos de medio punto. Á súa vez, a porta máis afastada da cabeceira é de medio punto e a outra, de arco apuntado con arquivoltas apoiadas en dous pares de columnas e decorada cunha representación do Xuízo Final. Entre ambas as dúas, áchase unha pequena estatua pétrea de santa Clara de Asís. Tamén chama a atención a cornixa, decorada con numerosos canzorros de figuras diversas, tales como xabarís, cans, monos, cabezas humanas...

Durante o s. XVI a comarca pontevedresa viuse afectada por grandes oscilacións climáticas que alteraron as colleitas e provocaron o desabastecemento na vila. Cando o tempo era extremo (ben por frío, calor, vento, choiva, seca…) o concello convocaba á poboación para sacar en procesión á patroa da vila, A nosa Señora do O, desde a desaparecida igrexa de San Bartolomeu o Vello ata Santa Clara, onde se realizaba coas esmolas recibidas unha novena na súa honra. Co tempo terminou por se converter nun costume entregar esmolas en especie (normalmente unha ou varias ducias de ovos) ás monxas clarisas cada vez que se procuraba un día solleiro, sobre todo con motivo dunha voda.

Entre os escudos heráldicas que se exhiben na súa fachada, destaca unha pedra armeira das máis antigas de Pontevedra, cuxa labra podería situarse na segunda metade do s. XIV ou nos comezos do XV. No seu momento entendeuse que podía representar a figuras de cabalos e interpretouse como relacionado coa Orde do Temple; de aí xorde, en parte, a crenza da orixe templaria do convento e a súa construción a partir dunha casa ou bailía da poderosa orde relixiosa destinada a protexer os peregrinos, pero ata o momento este feito non se puido constatar.

En setembro de 2017 o cenobio de clausura pechou as súas portas deixando atrás oito séculos de historia. Así as cousas, agora mesmo non é posible visitar o seu interior cun ornamentado retablo churrigueresco datado en 1730.

Situación

Rúa de Santa Clara, 16
36002, Pontevedra

Coordenadas GPS

Coordenadas WGS84 (Google):
Lat: 42°25'56.81"N
Lng: 8°38'39.37"O

O convento pechou as súas portas, co que non é posible visitar o seu interior

Visit-Pontevedra - Concello de Pontevedra Turismo de Pontevedra S. A.
CASA DA LUZ
Praza da Verdura s/n
36002 - Pontevedra
+34 986 090 890
Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.
  
Top

© 2017 Turismo de Pontevedra. Concello de Pontevedra.
Todos os dereitos reservados