Centro de Interpretación das Torres Arcebispais

  • Centro de Interpretación das Torres Arcebispais
  • Centro de Interpretación das Torres Arcebispais

O Centro de Interpretación das Torres Arcebispais (CITA) ofrece unha nova visión do pasado da cidade do Lérez. Permite unha achega ao coñecemento sobre o que foi un dos monumentos máis emblemáticos da historia de Pontevedra, xunto coa ponte medieval e a basílica de Santa María.

O primitivo castelo ergueuse a comezos do século XII e pouco despois Fernando II dóalle a vila co seu castelo ao arcebispado de Santiago. A fortaleza apenas se verá afectada polas guerras irmandiñas pero, en cambio, sufriu graves danos durante o enfrontamento entre Alonso II de Fonseca, arcebispo de Santiago, e Pedro Álvarez de Soutomaior, máis coñecido como Pedro Madruga, durante a guerra civil que entre os anos 1474 e 1477 enfrontou aos partidarios de Isabel a Católica e aos de Xoana a Beltranexa, irmá e filla de Henrique IV de Castela.

A comezos do século XVIII os ingleses incendian o pazo, que queda practicamente destruído, agás a súa impoñente torre da homenaxe que aínda se usará como prisión. A finais do século XIX decídese a súa total demolición.

En 2007, nas obras de reforma urbana na avenida de Santa María, aparecen os restos da fortaleza que hoxe en día se poden visitar no CITA. Tras dous anos de escavacións, o centro inaugurouse en agosto de 2010.

O CITA sitúase no número 1 da rúa do Mestre Mateo, no contorno da prazas de España e de Santa María. Como único elemento en superficie ten un acceso a modo de boca de metro acristalada.

A visita ao centro museográfico organízase en tres partes, correspondente cada unha coa división interior do espazo. A primeira é na entrada, onde se ofrece unha presentación sobre a Pontevedra medieval e moderna e sobre o que foi o pazo-fortaleza. Esta recepción á persoa visitante está apoiada en pantallas táctiles. Nesta zona sitúase tamén unha maqueta coa reconstrución do edificio con rotulación en Braille.

A segunda parte localízase no centro do CITA e está consagrada á observación da escarpa e a contraescarpa e ás características defensivas do inmoble. Amósase aquí a ponte levadiza e unhas balas pétreas de catapulta, así como as marcas de canteiro e varias pezas cerámicas atopadas nas escavacións.

Finalmente, ao fondo exhíbese un audiovisual, dispoñible en galego, español, inglés, francés e unha versión subtitulada para persoas con discapacidade auditiva.

Situación

Rúa do Mestre Mateo, 1
36002, Pontevedra

Coordenadas GPS

Coordenadas WGS84 (Google):
Lat: 42°25'56.84"N
Lnx: 8°38'50.81"O

986 090 677

Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.

http://cita.pontevedra.gal

A capacidade do espazo é limitado, polo que se recomenda chamar previamente ou enviar un Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.

Horario

  • Martes, mércores, xoves e domingos de 10 a 14 h
  • Venres e sábado de 10 a 14 h e de 17 a 21 h
  • Festivos de 10 a 14 h
  • Luns pechado
Visit-Pontevedra - Concello de Pontevedra Turismo de Pontevedra S. A.
CASA DA LUZ
Praza da Verdura s/n
36002 - Pontevedra
+34 986 090 890
Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.
  
Top

© 2017 Turismo de Pontevedra. Concello de Pontevedra.
Todos os dereitos reservados