Casa do Concello

  • Casa do Concello
  • Casa do Concello

Na Praza de España érguese a Casa do Concello, obra de Alejandro Rodríguez Sesmero quen tomou como referencia o modelo para un hôtel en París dos arquitectos Nolau e Convents publicado no difundido álbum de César Daly L’architecture privée au dix neuvième siécle, que mostraba as obras máis relevantes feitas ao longo do Segundo Imperio francés.

De estilo ecléctico decimonónico, construíuse entre os anos 1877 e 1880 no mesmo soar que ocupaba a antiga casa consistorial (s. XVIII) que, á súa vez, se erguera sobre a torre da Bastida, na muralla do século XVI.

O edificio é de planta cadrada, con dúas alturas, cun frontón semicircular con decoración de flores e un reloxo. Na fachada principal pódese ver un dos seus elementos máis destacables: as súas catro columnas de orde xónica de fuste estriado rematadas con capiteis do mesmo estilo de cuxas volutas descolgan flores. Sobre elas repousa un gran balcón con catro columnas máis, de estilo xónico con capiteis corintios. Tamén son de destacar as fiestras con lintel curvo, fenêtres bombées, así como os frontóns das portas e a cornixa con balaustrada e floróns de pedra.

Do interior cómpre salientar a súa escaleira de pedra de estilo imperial, así como as súas grandes ventás entre columnas e rematadas con arcos de medio punto decorados cunhas preciosas vidreiras.

Unha mención especial merece a escultura de Ramón Conde que se atopa na parte traseira do edificio. Na Pontevedra do século XVI, onde hoxe se levanta a casa consistorial, atopábase o mercado municipal ou alfóndega. Á entrada, unha persoa contratada polo Concello encargábase de verificar pesos e medidas da mercancía que ía a ser posta á venda. Era o chamado «fiel contraste», un personaxe crucial na sociedade daqueles tempos, xa que as tarifas que se cobrarían no mercado dependían de que el verificase axeitadamente o peso do pan ou os cereais, ou as medidas de viño que entraban na alfóndega.

Situación

Praza de España, s/n
36002, Pontevedra

Coordenadas GPS

Coordenadas WGS84 (Google):
Lat: 42°25'55.66"N
Lnx: 8°38'48.50"O

www.pontevedra.gal

Visit-Pontevedra - Concello de Pontevedra Turismo de Pontevedra S. A.
CASA DA LUZ
Praza da Verdura s/n
36002 - Pontevedra
+34 986 090 890
Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.
  
Top

© 2017 Turismo de Pontevedra. Concello de Pontevedra.
Todos os dereitos reservados