Casa das Campás

  • Casa das Campás

Na rúa de Don Filiberto 11, no centro histórico, atópase un dos edificios máis cargados de lenda da cidade: a Casa das Campás.

Aínda que as súas orixes non están claras, é considerada a construción civil máis antiga e mellor conservada de toda a cidade. Trátase dunha edificación de tres plantas con tres portas con grandes doelas, trazos característicos do s. XV, das cales dúas rematan en arco conopial e a outra é plana.

Entre os vans da fachada no primeiro andar hai dous escudos heráldicos labrados en pedra. O máis pequeno representa dúas esporas e dous caldeiros. Identifícase como pertencente á liñaxe da familia Puga, señores de Regodeigón, en Ribadavia. O outro, consiste nunha garza que sostén un escudo acuartelado alternando un contrafaixado, un león e cinco rodas en aspa. É atribuído por algúns autores á familia García Camba.

A primeira referencia que existe da Casa das Campás data de 1587. Por aquel tempo, no lugar que ocupa o Teatro Principal, o edificio fronte ao que está situado, estaba a igrexa de San Bartolomeu o Vello. Por razóns que se descoñecen, nun principio o templo non dispuña de campanario, e para chamar a freguesía usábase o carillón da casa dos Puga, que nesa época pasara a mans da comunidade beneditina de San Salvador de Lérez. De aí que esta vivenda sexa coñecida co nome da Casa das Campás.

A partir de 1939 a casa foi coñecida como Bar Pitillo polo bar que había no baixo da casa no que se adoitaba obsequiar á clientela cun cigarro. En 2000 foi adquirida polo Concello de Pontevedra coa finalidade de restaurala. Hoxe é a sede da Vicerreitoría do Campus de Pontevedra da Universidade de Vigo.

Segundo a lenda, o sanguinario pirata Benito Soto, capitán do Burla Negra, logo das súas incursións por Cabo Verde, as Azores ou Canarias, volveu á súa terra e antes de ser axustizado polos ingleses en 1830, deixou entre as paredes desta casa unha gran fortuna.

Situación

Rúa de Don Filiberto, 9
36002, Pontevedra

Coordenadas GPS

Coordenadas WGS84 (Google):
Lat: 42°25'56.00"N
Lnx: 8°38'46.10"O

Visit-Pontevedra - Concello de Pontevedra Turismo de Pontevedra S. A.
CASA DA LUZ
Praza da Verdura s/n
36002 - Pontevedra
+34 986 090 890
Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.
  
Top

© 2017 Turismo de Pontevedra. Concello de Pontevedra.
Todos os dereitos reservados