Capela da Peregrina

  • Capela da Peregrina
  • Capela da Peregrina
  • Capela da Peregrina
  • Capela da Peregrina
  • Capela da Peregrina
  • Capela da Peregrina
  • Capela da Peregrina
  • Capela da Peregrina
  • Capela da Peregrina

Construída a partir de 1778, trátase dunha das edificacións máis simbólicas e relevantes da cidade. Está situada á beira do que en tempos era a Porta de Trabancas ou Porta da Vila, hoxe en pleno centro da cidade.

Obra do arquitecto portugués Antonio Souto, é o santuario onde se venera a Virxe Peregrina, patroa da provincia de Pontevedra e do Camiño Portugués a Santiago, pero non da cidade, honra que recae na Virxe do O, cuxa festividade se celebra o 18 de decembro. A Virxe Peregrina é sacada da capela en carroza o día da súa festividade, o segundo domingo de agosto.

O santuario combina formas barrocas tardías con figuras neoclásicas, e presenta a súa maior peculiaridade na planta en forma de cuncha de vieira (símbolo universal dos peregrinos), dentro da cal se inscribe unha cruz marcada pola cabeceira e a sancristía. Supón un dos poucos exemplos de igrexas con planta central en Galicia.

Accédese ao interior a través dun pórtico con bóveda de aresta e dous oitavos, sobre o que existe un pequeno coro alto. No corpo central, catro pilastras de fuste estriado, que se levantan sobre unha base dobre, formada por un zócolo e un plinto, sosteñen os arcos formeiros rebaixados sobre os que se apoia a cúpula de media laranxa. O anel da cúpula dá paso a unha cornixa voada que forma no interior un balcón corrido con balaustrada de ferro. A cúpula culmina nunha lanterna de oito óculos que sobresae ao exterior.

A capela maior ten planta rectangular e está cuberta con bóveda de cruzaría rebaixada. Nela instálase o retablo principal da capela, que venera a imaxe da Peregrina. Deseñado por Melchor de Prado en 1789, é de estilo neoclásico, de madeira pintada imitando materiais nobres. A fornela da Virxe está flanqueada por dous pares de altas e lisas columnas corintias que sosteñen unha cornixa que remata en frontón triangular; sobre este e sostido por tres anxos, un medallón cun relevo que representa a Fuxida a Exipto. Moi curiosa é a pía de auga bendita, unha cuncha de molusco traída do Pacífico polo ilustre almirante pontevedrés Casto Méndez Núñez (1824-1869), que está situada á dereita no acceso á capela.

En canto ao exterior, o máis destacado é a fachada convexa, dividida en dous corpos claramente diferenciados por unhas cornixas voadas moi barrocas. O corpo inferior está adornado con dobres pilastras estriadas de estilo pseudodórico nos laterais da portada. Integra ademais uns óculos laterais e un arco de medio punto con vidreira sobre o lintel da porta, coroada á súa vez por un frontón triangular en combinación con placas recortadas e claramente barrocas rodeando os vans.

O corpo superior está decorado con catro columnas corintias que serven de soporte a uns arcos formeiros rebaixados e, á súa vez, de sostén da cornixa voada sobre a que se alza a cúpula con lanterna, mentres unha bóveda de aresta cobre o rectangular presbiterio.

En senllas fornelas cubertas con arcos de medio punto con forma de cuncha, alóxanse as imaxes pétreas da Virxe Peregrina (no centro) e do apóstolo Santiago e san Roque (nos laterais), os tres vestidos de peregrinos xacobeos, protectores dos fieis que van a Santiago de Compostela pola ruta portuguesa.

Coroa a fachada un frontón partido triangular coa figura alegórica da Fe sobre un pedestal e, aos dous lados, as torres xemelgas de dobre corpo (o primeiro cadrado e o segundo octogonal) e unha pequena cúpula con pináculos que aloxan o carillón e o reloxo, instalado en 1896 procedente do derruído Hospital de San Xoán de Deus.

Tamén cómpre destacar as cachotarías encaladas, froito da influenza portuguesa sobre o barroco tardío galego.

Na parte traseira do edificio, a ábsida conforma, ao exterior, un volume independente da nave, ao que se uniron dúas sancristías de menos altura que a primeira. Arriba, a cornixa presenta unha balaustrada voada decorada con pináculos.

Ante a portada, o adro, nunha cota superior á das rúas, está perfectamente delimitado por unha balaustrada de pedra con pináculos que rompe en catro puntos do perímetro nos que se sitúan as escalinatas de acceso. En fronte da porta de entrada a balaustrada vese interrompida por unha fonte de triplo cano rematada por un arco zarpanel sobre o que descansa unha figura de Teucro degolando ao león de Nemea. Os tres canos verten as augas nunha pía.

Xusto por diante deste adro, pasa o Camiño Portugués a Santiago, tamén coñecido como Camiño do Sur ou Camiño da Virxe Peregrina.

O 26 de febreiro de 1795 caeu un raio que derrubou a torre norte do santuario. As obras de restauración prolongáronse ata 1873, data na que se coloca o pararraios.

Paga a pena contemplar a capela iluminada pola noite, especialmente as torres nas que se empregou luz azul, a mesma cor na que se sinalizou o camiño portugués ao seu paso polo centro histórico.

A capela da Virxe Peregrina foi declarada monumento histórico-artístico en 1982 e Ben de Interese Cultural (BIC) en 2011.

Situación

Praza da Peregrina, 5
36001, Pontevedra

Coordenadas GPS

Coordenadas WGS84 (Google):
Lat: 42°25'50.81"N
Lnx: 8°38'37.00"O

Visit-Pontevedra - Concello de Pontevedra Turismo de Pontevedra S. A.
CASA DA LUZ
Praza da Verdura s/n
36002 - Pontevedra
+34 986 090 890
Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.
  
Top

© 2017 Turismo de Pontevedra. Concello de Pontevedra.
Todos os dereitos reservados