Basílica de Santa María

  • Basílica de Santa María
  • Basílica de Santa María
  • Basílica de Santa María
  • Basílica de Santa María

A cidade de Pontevedra pertence á diocese de Santiago e, xa que non é sede de bispado, non hai nela unha catedral. Así e todo, Santa María é sen dúbida o máximo expoñente da arquitectura relixiosa de toda a cidade, e foi elevada a basílica por decreto do Papa Xoán XXIII en 1962. Atópase no centro histórico, na avenida de Santa María 24, no mesmo lugar onde existiu outrora unha pequena igrexa románica, derrubada a finais do século XV.

Foi construída no s. XVI por iniciativa do Gremio de Mareantes – habitantes da Moureira, activo e puxante arrabalde mariñeiro que se estendía aos pés da basílica e o gremio de mar máis antigo do Estado español–, seguindo os planos de Juan de los Cuetos e Diego Gil. Conxuga á perfección as formas góticas con reminiscencias do manuelino portugués e do renacemento. Así mesmo, combina o oxival co plateresco, o que fai que esta basílica sexa unha das máis destacadas mostras do gótico isabelino de Galicia, que mereceu ser cualificada polo célebre historiador galego do s. XIX Antonio López Ferreiro como “a perla da arte galega”.

A fachada principal (s. XVI), obra de Cornelis de Holanda e João Noble, está orientada ao oeste e presenta unha ampla escalinata para acceder a ela. Ideouse como un grandioso retablo pétreo no que as numerosas imaxes sagradas concíbense para exaltar a Virxe María.

A porta, cun arco de medio punto, está flanqueada polas esculturas de san Pedro e san Pablo. Por enriba dela, pódese contemplar un relevo do tránsito ou dormición da Virxe María, así como esculturas de santos, evanxelistas, personaxes bíblicos e mesmo históricos. Resulta curiosa a inclusión das figuras de Teucro (fundador mitolóxico da cidade) xunto coa do arcanxo san Miguel e Hércules (heroe que simboliza a mariñeiría pontevedresa), na mestura do relixioso co profano, o que non deixa de delatar o incipiente Humanismo do momento. Cómpre ademais resaltar unha curiosa imaxe dun santo, san Xerome, con anteollos.

Na parte superior, destaca un rosetón que semella un ostensorio e simboliza o ceo. Sobre el figura un relevo da asunción e coroación da Virxe María, en presencia da Santísima Trinidade, con Xesús á sinistra de Deus Pai, en lugar da súa dereita. Este feito prestouse a conxecturas diversas, como que é froito dunha equivocación ou que foi feito intencionalmente por Cornelis para deixar patente a súa incredulidade relixiosa. Remata a fachada cun Calvario e unha cristaría cun elaborado encaixe en pedra, típica do estilo manuelino portugués.

Como dato anecdótico cómpre mencionar que algúns estudosos distinguen os bustos de Cristóbal Colón e de Hernán Cortes situados a ambos os lados do rosetón.

A portada sur do edificio, sita na praza de Alonso Fonseca, ten un arco de medio punto, bordeado dunha xamba pétrea e decoración barroca. Desde aquí tamén se pode ver a cristaría manuelina que coroa todos os muros e a ábsida do templo, así como a fiestra grande da ábsida que ten unha pequena columna ao centro adornada con motivos manuelinos. Á esquerda desta porta, está a escultura do Cristo da Boa Viaxe, onde acoden os devotos para que lles conceda protección nas viaxes que vaian realizar.

Polo que respecta ao interior, a igrexa ten planta basilical. Consta de tres naves, separadas por columnas, nas que se abren as capelas laterais coas súas bóvedas de cruzaría. Destaca a realizada por Diego Gil en 1522.

O retablo do altar maior está realizado en madeira de castiñeiro e nogueira. Foi tallado entre finais do século XIX e principios do XX polo escultor santiagués Máximo Magariños, quen realizou tamén o púlpito e os catorce cadros con baixos relevos que forman as estacións do viacrucis da igrexa.

Tamén son de interese o Santo Cristo, obra de José Ferreiro do s. XVIII, e as tallas da capela da Trindade.

Actualmente, a Basílica de Santa María está considerada como BIC (Ben de Interese Cultural) e foi declarada monumento histórico-artístico pertencente ao Tesouro Artístico Nacional mediante decreto do 3 de xuño de 1931. O templo ten tamén a distinción de "Real Santuario".

Diante da igrexa, no Campiño de Santa María, puxéronse ao descuberto e rehabilitáronse os poucos restos que quedan da muralla medieval.

Situación

Avenida de Santa María, 24
36202, Pontevedra

Coordenadas GPS

Coordenadas WGS84 (Google):
Lat: 42°26'1.62"N
Lnx: 8°38'51.20"O

Visit-Pontevedra - Concello de Pontevedra Turismo de Pontevedra S. A.
CASA DA LUZ
Praza da Verdura s/n
36002 - Pontevedra
+34 986 090 890
Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.
  
Top

© 2017 Turismo de Pontevedra. Concello de Pontevedra.
Todos os dereitos reservados