Alameda do Arquitecto Alejandro Sesmero

  • Praza da leña
  • Alameda do Arquitecto Alejandro Sesmero
  • Alameda do Arquitecto Alejandro Sesmero
  • Alameda do Arquitecto Alejandro Sesmero
  • Gran Vía de Montero Ríos
  • Xardíns de Colón
  • Xardíns de Vincenti
Un lugar ideal para pasear e tomarse un respiro é a Alameda, firme testemuña do devir da cidade desde o século XIX, e conxunto do que tamén forman parte os Xardíns de Vincenti e o paseo das Palmeiras.
Este espazo, que leva oficialmente o nome do seu artífice, o arquitecto Alejandro Sesmero, autor ademais de gran parte dos edificios do contorno, xorde coa derruba da muralla medieval e a necesidade de situar novos edificios oficiais coa declaración de Pontevedra como capital de provincia en 1833. Os terreos pertenceron á horta do Convento de San Domingos e ao antigo campo da feira, hoxe transformado nos Xardíns de Vincenti.
De forma alargada, e concibida como vestíbulo axardinado da Casa do Concello, a Alameda constitúe unha ampla avenida de terra, delimitada por cinco filas de árbores, entre as que abundan os ameneiros, plátanos e carballos, cos típicos asentos de pedra e quiosco da música de planta octogonal.
Como antesala, no seu extremo principal eríxese o monumento dedicado aos heroes de Ponte Sampaio, colocado no primeiro centenario da batalla contra as tropas napoleónicas durante a Guerra da Independencia. Ao fondo, na súa entrada oeste, atópase flanqueada por dúas altas columnas de pedra de seis metros de altura cerradas pola efixie de dous leóns de pedra co escudo da cidade. Aquí tamén se poden admirar os azulexos do pintor pontevedrés Carlos Sobrino de 1927 en cerámica de Triana con estampas de corte costumista de Pontevedra e da súa comarca.
Nun nivel inferior, separada por varandas, sitúase a Gran Vía de Montero Ríos. O punto de inicio deste bulevar empedrado son as Ruínas de San Domingos (s. XIV), igrexa da que só se conserva a cabeceira gótica con cinco capelas absidais e un muro con rosetón. Constitúen unha das seis sedes do Museo Provincial de Pontevedra e no seu interior acollen varios restos arqueolóxicos, entre eles un miliario romano achado durante as obras de remodelación da praza de Valentín García Escudero, á beira do río Lérez, fronte á ponte do Burgo.
Ao longo deste paseo dispóñense tres edificios decimonónicos de uso administrativo: o instituto Valle-Inclán, o Pazo da Deputación Provincial e a antiga Delegación de Educación. Entre o instituto e o pazo da Deputación sitúanse os Xardíns de Colón, onde se atopan as emblemáticas camelias que, sendo orixinarias de Xapón, tan ben se dan na zona e tanta sona teñen, non en balde son consideradas a “flor das Rías Baixas”.
A continuación sucédense outros espazos de igual beleza, onde se cruzan un paseo de altas palmeiras e outro de magnolios, que conforman os Xardíns de Vincenti. Entre a súa riqueza botánica, destacan varios cedros do Himalaia, chorisias, teixos e acivros, así como múltiples xardíns embelecidos polo monólito dedicado a Valle-Inclán ou o monumento á memoria dos grandes mariños vinculados á cidade, que van desde Paio Gómez Chariño ata Méndez Núñez.
Completan os xardíns unha zona de xogos infantís, un pequeno estanque e un enorme pombal de forma circular.

Situación

Rúa da Alameda, 4
36001, Pontevedra

Coordenadas GPS

Coordenadas WGS84 (Google):
Lat: 42°25'51.10"N
Lnx: 8°38'55.34"O

Visit-Pontevedra - Concello de Pontevedra Turismo de Pontevedra S. A.
CASA DA LUZ
Praza da Verdura s/n
36002 - Pontevedra
+34 986 090 890
Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.
  
Top

© 2017 Turismo de Pontevedra. Concello de Pontevedra.
Todos os dereitos reservados