Etiqueta Negra Gourmet

Visit Pontevedra

Os produtos gourmet máis singulares, aqueles que destacan pola súa exquisitez e alta calidade, é a oferta da feira do gourmet galego que se celebra anualmente no Recinto Feiral de Pontevedra. O seu amplo programa de actividades abrangue showcookings, degustacións, maridaxes e catas para poder saborear Galicia. Profesionais, produtores e consumidores danse cita en Etiqueta Negra co obxectivo de coñecer as tendencias do sector, establecer novos contactos comerciais e difundir a excelencia dos produtos gourmet e delicatessen galegos.

Coa intención de poñer en valor e consolidar a imaxe do sector gourmet galego, o Concello de Pontevedra organiza esta feira profesional que abre tamén as súas portas a un público cada vez máis especializado e esixente, que se informa para coñecer o que está a consumir, que lle gusta probar sabores e experimentar texturas novas.

Etiqueta Negra pretende amosar tanto a ampla variedade de alimentos e bebidas de alta gama que se están a facer en Galicia, como os procesos de innovación de novos produtos, sabores e envases.

A Feira está consolidada como un dos eventos gastronómicos máis destacados do país, e reúne nun mesmo espazo a profesionais do sector, produtores e consumidores co fin de coñecer as tendencias de mercado, identificar novas liñas de negocio e difundir a excelencia dos produtos gourmet e delicatessen galegos. É, sen dúbida, o mellor escaparate para presentar o gran potencial deste mercado, onde a combinación de innovación e comercialización especializada progresa día a día.

A gastronomía galega é todo un referente e un importante motor da nosa economía. Os nosos produtos son sinónimo de calidade, tradición e autenticidade; produtos de gran calidade artesanal, pero ao tempo contemporáneos e innovadores, elaborados coa mellor materia prima e con sabor auténtico a Galicia; produtos que identifican un territorio, traspasan fronteiras e son demandados nos principais mercados estatais e do estranxeiro.

Visit-Pontevedra - Concello de Pontevedra Turismo de Pontevedra S. A.
CASA DA LUZ
Praza da Verdura s/n
36002 - Pontevedra
+34 986 090 890
Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.
  
Top

© 2017 Turismo de Pontevedra. Concello de Pontevedra.
Todos os dereitos reservados