Santiaguiño do Burgo

Visit Pontevedra

Cada 25 de xullo son moitas as parroquias e lugares de Galicia que homenaxean ao Apóstolo Santiago. Pero no barrio pontevedrés de Santiaguiño do Burgo celébrase dunha maneira particular, xa que na leira dunha casa da zona da Santiña os froitos maduran antes, tal e como aseguran os veciños, grazas á intercesión do discípulo de Xesús. Conta a tradición que, evanxelizando por estas terras, atopouse canso e os donos do terreo déronlle acubillo e manutención ata que se recuperou. En sinal de agradecemento, obrou en beneficio desta familia e prometeulle que a súa colleita sería a máis temperá no lugar.

Desde tempos inmemoriais, todos os 24 de xullo (véspera da festividade do Apóstolo) os veciños do Burgo cumpren coa tradición de ofrecer ao seu patrón os primeiros froitos maduros do ano. Así, a imaxe á que cariñosamente os fieis coñecen como Santiaguiño, é sacada da súa igrexa parroquial para dirixirse acompañada polos fieis ata A Santiña, onde se lle coloca un acio de uvas e un pé de millo a modo de ofrenda.

Tan popular coma a procesión do “milagre” das uvas e o millo, son nas festas do Burgo o seu maratón popular e os fogos de artificio que se lanzan desde a beira do río Lérez, entre as pontes do Burgo e Santiago, que iluminan a media noite o barrio. Ao día seguinte, 26 de xullo, os veciños do Burgo homenaxean os seus maiores.

 

Visit-Pontevedra - Concello de Pontevedra Turismo de Pontevedra S. A.
CASA DA LUZ
Praza da Verdura s/n
36002 - Pontevedra
+34 986 090 890
Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.
  
Top

© 2017 Turismo de Pontevedra. Concello de Pontevedra.
Todos os dereitos reservados