Moito antes de que a tradición anglosaxoa do Halloween e o seu famoso “truco ou trato” chegase ás nosas vidas invadíndoo todo, os celtas xa celebraban o Samhain (palabra que significa fin do verán en gaélico antigo), co gallo do remate da colleita e da chegada do inverno. Era unha época de abundancia, dedicada a facer balance das subministracións que deixara a colleita e a preparar as provisións dispoñibles para pasar o inverno.
O Samaín celebrábase na noite do 31 de outubro, cando daba comezo o Ano Novo Celta, o que supoñía a entrada a unha estación máis escura. Os antigos celtas crían que ese día a fronteira que une o mundo dos vivos e o dos mortos estreitábase e os espíritos podían cruzar dun lado a outro. Por este motivo, a celebración consistía en honrar os devanceiros familiares e espantar os espíritos daniños para que pasasen de longo. Os celtas disfrazábanse para que os malos espíritos non os recoñecesen como humanos. Desta crenza vén o costume de decorar “terroríficas” cabazas e disfrazarse de mortos ou espíritos.
Co paso dos anos, as tradicións celtas romanizáronse e despois cristianizáronse, e o Samaín pasou a ser a celebración de Todos os Santos. Pero nos últimos anos prendeu en Pontevedra a Noite dos Calacús, na que a cativada, nun obradoiro, decora as súas cabazas ou calacús con caras que meten medo e logo colócaas nas xanelas e portas dos edificios do centro histórico para que iluminen a noite.
En Samaín tamén é moi típico celebrar o magosto, unha reunión entre amigos e familiares, onde se asan castañas e se contan historias xunto ao lume.