Romaría de San Bieito

Visit Pontevedra

Á beira do río Lérez, nun pequeno outeiro, sitúase o mosteiro do Divino Salvador de Lérez, cunha capela dedicada a San Bieito, ao que se lle atribúe a curación de enfermidades da pel, sobre todo eccemas e verrugas.

Ata aquí desprázanse, desde a Idade Media, miles de devotos e devotas para revalidar a fe no que, segundo a copla popular, é o santo máis milagroso:

Se vas a san Benitiño
non vaias ao de Paredes
que é moito máis milagreiro
san Benitiño de Lérez

Abofé, é tal a querenza dos habitantes de Pontevedra polo santo beneditino que celebran a festa dúas veces ao ano: unha no inverno, o 21 de marzo, e outra no verán, o 11 de xullo, a máis concorrida, non en balde é festivo local. Está declarada Festa de Interese Turístico de Galicia.

Algúns dos ritos que hai que seguir para que se atendan as peticións ou para mostrar agradecemento polas grazas outorgadas consisten en asistir a algunha das continuas misas que se celebran desde primeira hora da mañá, achegarse á pota de cobre onde se queima o aceite milagreiro para adquirilo ou untalo na parte do corpo que se precise alí mesmo, pasar de xeonllos por baixo do altar para obter as bendicións do santo, tocar a súa imaxe cun pano, ofrecerlle exvotos, ovos ou diñeiro…

A devoción dos fieis e os actos relixiosos non impide que sexa unha xornada lúdica. Así, tras a procesión polos arredores da igrexa, moitas familias, grupos de amigos, devotos e veciños aproveitan a visita a San Bieito para xantar xuntos no Campo de San Bieito e pasar unha xornada chea de diversión, dando boa conta dos mil quilos de mexillóns que ofrece o Concello de balde á beira dos salóns do Lérez, un espazo fluvial de grande interese natural. O cheiro a cera e aceite mestúrase co do polbo, os churros, as rosquillas, os doces ou a empanada dos postos que se atopan na chaira que hai xunto ao templo.

A música da Banda de Música de Pontevedra e diversos grupos de música tradicional e de pandeireteiras ambientan a xornada, ata a verbena popular no adro do mosteiro que pon o broche de ouro á romaría.

 

Visit-Pontevedra - Concello de Pontevedra Turismo de Pontevedra S. A.
CASA DA LUZ
Praza da Verdura s/n
36002 - Pontevedra
+34 986 090 890
Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.
  
Top

© 2017 Turismo de Pontevedra. Concello de Pontevedra.
Todos os dereitos reservados