Festas da Peregrina

Visit Pontevedra

O verán pontevedrés ten nas Festas da Peregrina a súa semana máis buliciosa. Ateigada de xente, a cidade convértese nun grande escenario que levanta a diario o pano ao mediodía e non o baixa ata a madrugada. Charangas, festivais e teatro infantís, a batalla de flores, concertos para os distintos gustos e idades, tiradas de fogos artificiais desde As Corvaceiras, verbenas… todo no corazón da cidade e de balde. O pregón, o segundo sábado de agosto, desde o Pazo de Mugartegui, marca  a saída da semana grande, en realidade nove días.

As atraccións na alameda, os postos de venda de doces, as barracas e as moitas actividades de lecer programadas intercálanse coas citas deportivas e relixiosas. Non hai que esquecer que son as festas que levan o nome da patroa da provincia: a Virxe Peregrina, que se celebra o segundo domingo de agosto. A imaxe da santa, do século XIX  e obra do escultor catalán Luís Vermell, sae este día do templo en procesión. É a única ocasión do ano que abandona o santuario e faino vestida de gala, co traxe ouro e marfil bordado polas monxas clarisas de Lugo.

Os pontevedreses e os moitos visitantes que en agosto ocupan a cidade teñen onde escoller. Os monicreques, o teatro e a música nas prazas fan a ledicia dos máis cativos que atopan, ademais, nas atraccións e barracas da alameda o seu propio paraíso.

Os espectáculos pirotécnicos son unha das citas máis concorridas das festas como tamén o son os concertos da praza de España, nos que se procura a variedade de estilos para darlle gusto a todos os públicos.

 

Programa das Festas do Verán e da Peregrina 2018

Visit-Pontevedra - Concello de Pontevedra Turismo de Pontevedra S. A.
CASA DA LUZ
Praza da Verdura s/n
36002 - Pontevedra
+34 986 090 890
Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.
  
Top

© 2017 Turismo de Pontevedra. Concello de Pontevedra.
Todos os dereitos reservados