Festa dos Maios

Visit Pontevedra

A festa dos Maios é unha celebración popular que se fai desde moi antigo para conmemorar a chegada da primavera e o remate do duro inverno. Relacionada co culto á natureza e á fertilidade dos campos, a súa orixe non está moi clara: mentres algúns historiadores falan do Paleolítico ou do Neolítico, outros sosteñen que procede do culto que o mundo greco-romano ofrecía ás súas deidades campestres.

En calquera caso, os maios simbolizan o renacer da vida e das plantas, o comezo do ano agrícola; a ledicia de que o sol alumee con forza e así se fagan propicias as colleitas e se escorrenten as pragas e as adversidades meteorolóxicas.

Desde 1970, a praza da Ferraría vístese de festa cada 1 de maio para acoller o tradicional concurso dos maios, todo un espectáculo de música, rebumbio e colorido onde a cativada é a auténtica protagonista.

Os participantes constrúen unha estrutura de madeira de forma cónica de entre 1,5 e 2 metros de altura aproximadamente e adórnana con ornamentos naturais como fiúncho, pampillos, carqueixas, margaridas, laranxas ou cascas de ovos e, no alto, unha coroa feita con flores. Ao redor desta figura, e no seu interior, un grupo de nenos e nenas cantan e marcan o compás percutindo uns paus.

Os maios de Pontevedra son dos máis coñecidos polas súas vistosas obras de arte vexetais e pola retranca das súas coplas que loan a primavera e fan referencia aos acontecementos do último ano.

 

Visit-Pontevedra - Concello de Pontevedra Turismo de Pontevedra S. A.
CASA DA LUZ
Praza da Verdura s/n
36002 - Pontevedra
+34 986 090 890
Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.
  
Top

© 2017 Turismo de Pontevedra. Concello de Pontevedra.
Todos os dereitos reservados