Feira Franca

Visit Pontevedra

A Feira Franca é, desde hai anos, unha cita ineludible para as xentes de Pontevedra e os milleiros de visitantes que veñen gozar dela procedentes de todos os recunchos do país e máis alá das nosas fronteiras; un peche apoteótico dos días de verán creado por e para a xente; unha viaxe ao século XV participada por toda unha cidade; unha vivencia única habitada por artesáns, canteiros, ferreiros, palilleiras, cesteiros, oleiros, redeiras, carpinteiros, músicos, xograres, campesiños, toneleiros, artistas, comerciantes, damas e cabaleiros que nos achegan ao tempo do privilexio concedido a Pontevedra polo rei Henrique IV no ano 1467, en virtude do cal se autorizaba a celebración dun mercado libre de impostos dun mes de duración, quince días antes e quince días despois do 24 de agosto, festividade de San Bartolomeu.

A Feira Franca, que ten lugar no centro histórico da cidade todos os anos na primeira fin de semana de setembro, toma forma desde o ano 2000 coa organización de diversas actividades lúdicas de raizame histórica, que van desde a representación do transporte do viño ou dun torneo medieval, ata os espectáculos de cetraría, tiro con arco, esgrima ou as exhibicións de música e danza que enfeitizan as xornadas do venres a partir do serán e mais de todo o sábado. Pero, sobre todo, o que fai especial e distinta esta festa medieval, declarada Festa de Interese Turístico pola Xunta de Galicia en 2013, son os milleiros de persoas que se visten de época para xantaren nas prazas e rúas, en mesas montadas e decoradas por elas mesmas, seguindo as pertinentes normas estéticas e utilizando tan só materiais existentes na segunda metade do século XV, conformando unha obra deleitosa na que o público é tamén actor sobre o escenario da cidade vella.

Así que, xa o sabes: cando a noite se vaia alongando ata durar case tanto coma o día, cando as flores do viño vello compartan mantel cos acios da nova colleita; cando creas que o verán se está indo a acubillar no manto do outono; cando semelle que a festa esmorece e a luz do Sol se recolle, garda folgos porque está preto o punto culminante da época estival: a Feira Franca de Pontevedra!

 

Programa da Feira Franca 2018

Visit-Pontevedra - Concello de Pontevedra Turismo de Pontevedra S. A.
CASA DA LUZ
Praza da Verdura s/n
36002 - Pontevedra
+34 986 090 890
Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.
  
Top

© 2017 Turismo de Pontevedra. Concello de Pontevedra.
Todos os dereitos reservados