Entroido

Visit Pontevedra

A festa do Entroido garda unha longa tradición e tradúcese nunha semana de celebracións que atrae a numerosos visitantes pola riqueza e a variedade da súa proposta. A chegada do Rei Urco e o seu séquito é unha das peculiaridades do Entroido pontevedrés, que arrinca o venres anterior ao comezo da Coresma.

Os desfiles e concursos de disfraces, as xornadas gastronómicas e concursos de filloas, a mostra da parodia ou o concurso de charangas sucédense ata chegar ao broche de ouro destas festas, cando os veciños saen á rúa rigorosamente vestidos de loito para celebrar o enterro do papagaio Ravachol. Forman un multitudinario cortexo que parte da praza da Verdura e termina na da Ferrería, despois de percorrer boa parte do centro histórico.

A queima simbólica, na praza da Ferraría, do cadáver do papagaio, que cada ano aparece disfrazado cun motivo de actualidade diferente e as súas honras fúnebres, incluída unha necrolóxica na que se fai repaso dos principais asuntos candentes da cidade, significan o final da festa.

A casualidade quixo que Ravachol morrese precisamente no Entroido e o seu dó, segundo as crónicas do ano 1913, foi todo un espectáculo multitudinario; desde aquela o enterro do papagaio substitúe en Pontevedra ao popular enterro da sardiña.

Ravachol, nacido a finais do século XIX, era un papagaio mascota de D. Perfecto Feijoo e vivía na botica que este tiña na praza da Peregrina en Pontevedra.

Era moi apreciado polas xentes da cidade polos seus famosos diálogos e expresións, non sempre correctas, pois era moi mal falado. Frases famosas súas eran: “Se collo a vara…”, “Aquí non se fía” ou “Arre, arre”, cando pasaban os carros de mulas.

Morreu durante o Entroido de 1913, polo que, de broma, fixéronlle un enterro con grandes honras ao que acudiu unha gran comitiva.

Recuperando a súa figura, desde o ano 1985 organízase unha incineración da súa efixie, que significa o final das festas do Entroido.

Longa vida a Ravachol, representante da sátira e o bo vivir de Pontevedra!

 

Descarga aquí o programa do Entroido 2019.

Visit-Pontevedra - Concello de Pontevedra Turismo de Pontevedra S. A.
CASA DA LUZ
Praza da Verdura s/n
36002 - Pontevedra
+34 986 090 890
Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.
  
Top

© 2017 Turismo de Pontevedra. Concello de Pontevedra.
Todos os dereitos reservados