Séculos XII a XV

Visit Pontevedra

Outro momento importante na historia de Pontevedra é o que corresponde co reinado en Galicia de Fernando II durante a última parte do século XII. Neste momento produciuse unha certa reactivación da actividade comercial debido á restauración de camiños e pontes. E parello a este fenómeno, o lugar hoxe ocupado pola cidade volveu ser poboado, despois de pasar por un período de certo baleiro no alto medievo.

Unha escritura do Mosteiro de Lérez datada en 1141 dá testemuño da existencia dun lugar denominado “Pontus Veteri”, en alusión directa á vella ponte romana, en desuso a causa da súa ruína. Esta ponte comezaría a ser substituída por outra medieval -a que hoxe podemos ver modificada- no mesmo ano en que Fernando II outorga o foro aos habitantes da vila (1169). Desaparece así, todo rastro visible da construción romana que dera orixe e nome á cidade.

Na actualidade non se conserva o foro orixinal de Fernando II, senón unha confirmación de Afonso X do ano 1264. Os privilexios e exencións que se lle foron concedendo á cidade actuaron como importantes dinamizadores da súa actividade económica. Entre as concesións destacan o monopolio da fabricación de saín en Galiza, así como da cura do peixe (non da salga) (1229) e a adxudicación do porto de carga e descarga de Galiza (1452).

As sucesivas ampliacións do recinto amurallado pontevedrés veñen determinadas polo crecemento demográfico e polo desenvolvemento de actividades económicas na vila, que precisaba de espazos máis amplos onde poder expandirse. A estas causas únese o desexo da Coroa por controlar a produción e o tránsito de mercadorías.

A actividade económica da cidade acada o seu maior esplendor baixo o reinado de Henrique IV, ao concederlle á cidade en 1467, o privilexio dunha feira franca, de 30 días de duración, que se celebraba quince días antes e quince días despois da festividade de San Bartolomeu. Para a celebración destas feiras, ampliouse de novo a muralla para dar cabida á praza da Ferraría que albergaría o recinto feiral.

Confirmación feita por Afonso X en Sevilla o 5 de xuño de 1264 do Foro dado por Francisco II á vila de Pontevedra en decembro de 1169

Celso García de la Riega imaxinou así a porta da vila de San Domingos no s. XV  (ilustración realizada a comezos do s. XX)

Plano do recinto amurallado, torres e portas no s. XV

Visit-Pontevedra - Concello de Pontevedra Turismo de Pontevedra S. A.
CASA DA LUZ
Praza da Verdura s/n
36002 - Pontevedra
+34 986 090 890
Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.
  
Top

© 2017 Turismo de Pontevedra. Concello de Pontevedra.
Todos os dereitos reservados