En coche

Visit Pontevedra

Pontevedra adoptou o feito de camiñar como mellor fórmula para resolver o problema que tiña de mobilidade. Hoxe é unha cidade liberada da presenza abusiva de coches. Con rúas comerciais peonís ou de coexistencia de tráficos naturais e a motor, ou con outros espazos rodados e outros peonís. Sempre co colectivo (o espazo público) por encima do privado (o coche particular), que debe ocupar un lugar secundario.

Aquí, antes, o coche era o rei. Hoxe, as circunstancias cambiaron radicalmente e sitúase ás persoas por encima das máquinas. Segue habendo coches, por suposto, pero só os necesarios. Así que, se vives fóra e vés en coche, aparca e camiña!

Practicamente todas as entradas á cidade poden levarte a algún aparcadoiro próximo. O recomendable é facer uso dos espazos de estacionamento disuasorios que se atopan entre o pavillón de deportes e o Pazo da Cultura, preto do río e a poucos minutos a pé do centro da capital.

No concello coexisten tres fórmulas para a circulación dos vehículos: a peonil, a de zona 30 e a convencional. En todas elas teñen preferencia os peóns, se ben en distintas fórmulas de cohabitación con automóbiles e bicicletas.

A zona peonil abrangue a totalidade do centro histórico da cidade máis diversas rúas comerciais anexas a este (Michelena, parte de Oliva, parte de Peregrina, varios treitos de Benito Corbal, Riestra, Marquesa, Xeneral Gutiérrez Mellado, Montero Ríos, primeiro treito de Rosalía Castro e glorieta de Compostela, Ferreiros, Rúa Nova de Arriba, Rúa Nova de Abaixo, García Alén, San Bartolomeu). A circulación de automóbiles está restrinxida a residentes, acceso a garaxes e vehículos comerciais entre as 8 e as 13.30 e as 16.30 e as 21 horas dos días laborais.

No resto da cidade pódese circular como máximo a 30 km/h. Pontevedra foi a primeira cidade de España que apostou de maneira decidida por este límite de velocidade en todas as súas vías.

Fóra da cidade, o límite de velocidade ao que poden circular os vehículos establécese en función da clasificación e características da vía:

Estradas con beirarrúas ou beirarrúas laterais para peóns e ciclistas: 60 km/h
Travesías de núcleo con beirarrúas ou beirarrúas laterais para peóns e ciclistas: 40 km/h
Travesías urbanas con beirarrúas ou beirarrúas laterais para peóns e ciclistas: 30 km/h

 

Circular a motor

As principais vías de circulación a motor que contornan o centro histórico e peonil e proxectan os accesos cara ao exterior da cidade.

 

Aparcar

Un plano que recolle a situación dos aparcadoiros disuasorios gratuítos, os públicos e o sistema de estacionamento en superficie, así como os principais accesos desde as entradas á capital.

Visit-Pontevedra - Concello de Pontevedra Turismo de Pontevedra S. A.
CASA DA LUZ
Praza da Verdura s/n
36002 - Pontevedra
+34 986 090 890
Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.
  
Top

© 2017 Turismo de Pontevedra. Concello de Pontevedra.
Todos os dereitos reservados