• Natureza
  • Parque lineal do río dos Gafos

Parque lineal do río dos Gafos

Visit Pontevedra

Esquecido e abandonado durante anos, foi recuperado como lugar para o goce da cidadanía. Agora, o paseo ao longo da maior parte do treito urbano do río dos Gafos é unha xoia que cruza polo medio da cidade para camiñar, ir en bicicleta, facer exercicio ou, mellor aínda, recuperar esa sensación que supón atoparse dentro do que é a propia cidade pero estando en contacto co hábitat natural.

É unha das creacións máis salientables nos últimos tempos da configuración urbana da cidade, a recuperación dun espazo esquecido e abandonado durante anos como lugar para o goce da cidadanía. Agora, o paseo a carón do río dos Gafos é unha xoia que cruza polo medio da cidade entrando pola ponte avenida da Estación e desembocando na zona do Peirao e das Corvaceiras.

Ao longo do seu percorrido existen dous tramos; por unha banda, o sendeiro fluvial dos Gafos, que discorre por un camiño natural cunha lonxitude de case seis quilómetros, e que vai desde a rúa de Otero Pedrayo, a douscentos metros da estación de autobuses e a cen metros do Albergue dos Peregrinos, atravesando as parroquias de Salcedo e Tomeza, ata o concello de Vilaboa, onde nace o río. E por outra banda, está este paseo polo parque do río dos Gafos que ao longo de dous quilómetros e medio discorre polo medio do centro urbano, incluíndo unha parte que vai baixo terra polo chamado paseo de Valle-Inclán. Este tramo atravesa Campolongo e tense falado moitas veces de descubrilo.

O paseo dos Gafos é un parque lineal que parte da ponte avenida da Estación, percorre a canle do río pola zona do Gorgullón, pasa baixo a ponte de Ponte Boleira na avenida de Vigo, e sae ao parque de Campolongo pola rúa de Alcalde Hevia. Todo este percorrido é, de feito, unha frondosa senda que decorre a ambos os dous lados do río, apoiado en pasarelas de madeira para facer posible o paso. Son sendeiros polos que camiñar, polos que ir en bicicleta, nos que facer exercicio ou, mellor aínda, recuperar esa sensación que supón atoparse dentro do que é a propia cidade pero estando en contacto co hábitat natural.

A partir de aí, o Gafos discorre por baixo da urbanización de Campolongo, por unha canalización subterránea de 525 metros de lonxitude, para volver renacer á altura da avenida de Rosalía Castro, desde onde existe un último treito practicable antes do seu fin, nas Corvaceiras. Neste último treito do percorrido, dúas pontes e varios edificios tradicionais dannos unha idea de como era este río outrora, cando constituía unha das máis famosas fotos da cidade, coas mulleres lavando nas súas augas cristalinas.

Visit-Pontevedra - Concello de Pontevedra Turismo de Pontevedra S. A.
CASA DA LUZ
Praza da Verdura s/n
36002 - Pontevedra
+34 986 090 890
Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.
  
Top

© 2017 Turismo de Pontevedra. Concello de Pontevedra.
Todos os dereitos reservados