Noite

Visit Pontevedra

Pontevedra é unha cidade para vivir na rúa e pola noite, tamén. Despois da Pontevedra de monumentos, museos e historia, por que non explorar a vida nocturna da cidade? Aquí gusta moito a festa, e ben sexa para tomar algo en boa compañía ou para saír a bailar, existe unha ampla oferta de cafeterías, bares, restaurantes, xeaderías, pubs e discotecas onde a diversión e o entretemento están asegurados.

 

A noite é nova e en Pontevedra dispós de múltiples propostas de lecer nocturno. Desde pasear pola cidade gozando dunha maneira diferente dos monumentos iluminados, ata asistir a algún concerto ou outra actividade cultural, cear tranquilamente, conversar diante dunhas copas ou, algo moi habitual: ir de viños e tapas. Un dos lugares máis concorridos para isto é o centro histórico, que nunca parece descansar. Sempre hai locais abertos. Durante o día, é lugar de encontro de paisanos e turistas afeccionados aos petiscos, mentres que cando cae o sol convértese nunha animada zona de copas con bares de todo tipo e terrazas de distintos ambientes.

Pontevedra percórrese a pé e pola noite, tamén, dun local a outro. Ti marcas o ritmo e o rumbo pero normalmente entre as oito e as dez é o momento dos locais de viños, sempre moi concorridos. Aínda que se adoitan servir acompañados dalgunha tapa (gratuíta), é habitual pedir algunha ración dos produtos dispoñibles na carta, como polbo, luras, tortilla, pementos de Padrón… ao final, terminas arranxando unha medio cea. A praza da Verdura e a da Leña son citas case obrigadas. Flanqueadas por diferentes taperías de estilos variados son o epicentro da vida social pontevedresa ata a unha da mañá.

Para aqueles que prefiran cear nun restaurante, as dez da noite é unha boa hora e, aínda que existe unha oferta moi variada de establecementos, sempre é recomendable reservar mesa con antelación, sobre todo as fins de semana. Por suposto, a velada non pode terminar sen degustar na sobremesa unha bebida espirituosa tradicional elaborada en Galicia, xa sexa licor café, augardente ou augardente de herbas, cuxa fama se estendeu máis aló das nosas fronteiras.

A rúa de Chariño e as adxacentes concentran a inmensa maioría de pubs e bares de copas da cidade. Adoitan permanecer abertos ata as tres ou catro da madrugada e, a medida que empezan a pechar, os seus clientes vanse dividindo entre as discotecas e outros locais alternativos que permanecen abertos ata o amencer. É un bo momento para dar por rematada a noite, pero para os incombustibles, apetecen uns churros para almorzar?

Visit-Pontevedra - Concello de Pontevedra Turismo de Pontevedra S. A.
CASA DA LUZ
Praza da Verdura s/n
36002 - Pontevedra
+34 986 090 890
Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.
  
Top

© 2017 Turismo de Pontevedra. Concello de Pontevedra.
Todos os dereitos reservados