O Camiño Portugués en Pontevedra

Visit Pontevedra

O Camiño a Santiago é unha experiencia recomendable para realizar nalgún momento das nosas vidas. Esta gran vivencia verase, sen dúbida, agrandada antes as marabillas arquitectónicas e artísticas que os visitantes atoparán ao seu paso pola “boa vila de Pontevedra”. A cidade do Lérez posúe unha rica zona monumental na que destacan as súas rúas e prazas, cheas de cruceiros, pazos, fontes e soportais. Mención especial merece a capela da Peregrina, en forma de vieira, protectora dos peregrinos que marchan polo Camiño Portugués de Santiago.

A condición de Pontevedra como cidade vencellada ao mundo xacobeo é indiscutible, non en balde está considerada como a capital do Camiño Portugués a Santiago.

O trazado do Camiño de Santiago Portugués fai a súa entrada na cidade pola súa banda sur, polo lugar denominado O Marco e avanza pola rúa de Conde de Bugallal. Tras virar a poucos metros á esquerda pola rúa de Otero Pedrayo e pasar por debaixo da ponte do ferrocarril e á beira do albergue de peregrinos Virxe Peregrina, segue polas rúas do Gorgullón, Eduardo Pondal, Virxe do Camiño e da Peregrina, para chegar finalmente á praza e ao Santuario da Peregrina, corazón da cidade de Pontevedra, que coa súa peculiar forma en cuncha de vieira, rende homenaxe aos camiñantes.

No centro histórico penetra pola Porta de Trabancas, tamén coñecida como Porta do Camiño. Pasa polos Soportais deixando á dereita a fermosa praza da Ferraría, que debe o seu nome ao traballo de forxa que antano se practicaba neste lugar, e un pouco máis lonxe os xardíns de Casto Sampedro coa célebre fonte da Ferraría. Sobre estes xardíns álzase o convento e a igrexa de San Francisco, santo peregrino a quen a tradición atribúe a construción deste edificio con ocasión da súa peregrinación a Compostela.

O percorrido prosegue pola praza de Curros Enríquez –lugar onde estivera o antigo hospital de San Xoán de Deus– e pola rúa Real deixando á esquerda a praza do Teucro, na que existen fermosos escudos heráldicos que dan boa conta da fidalguía da cidade. A poucos metros atópase a fonte dos tornos e, ao final da rúa, a praza de Celso García de la Riega. Tras xirar á esquerda, o traxecto continúa pola rúa da Ponte, pola que se chega á praza de Valentín García Escudero, quilómetro cero da historia da cidade, porque aquí quedan vestixios de miliarios romanos da vía XIX Bracara-Lucus- Asturica , de arcos ocultos da ponte do século XII, do porto medieval mellor conservado da península ibérica e dun importante tramo da muralla do século XVI.

Tras cruzar o río Lérez pola milenaria ponte do Burgo que lle dá nome á cidade e constitúe un dos seus símbolos máis representativos, así como Camiño inequívoco de Compostela, pódese ver á dereita un cruceiro situado no antigo predio no que estivera a capela de Santiaguiño do Burgo, outro dos importantes fitos xacobeos da cidade. Esta capela foi derruída e trasladada a outro lugar deste barrio, agora ben con categoría de parroquia e co nome de igrexa de Santiago Peregrino do Burgo. Para visitala, hai que deixar momentaneamente o Camiño xirando á dereita pola rúa de Xoán Manuel Pintos. Co Pavillón dos Deportes á esquerda, avánzase pola avenida da Coruña ata chegar ao lateral do estadio de fútbol Pasarón, onde se acha a igrexa. Pódese apreciar na súa fachada unha imaxe pétrea de Santiago Peregrino coas uvas e o millo nunha iconografía propia da cidade de Pontevedra que foi doada pola Asociación de Amigas e Amigos do Camiño Portugués.

Para voltar de novo á Ruta Xacobea despois da visita á igrexa, pódese bordear o estadio de Pasarón polas rúas de Leonardo Enríquez e de Luís Otero ata chegar á rúa da Santiña, por onde o Camiño abandona a cidade.

Tras pasar polo observatorio da Xunqueira de Gándara ou de Alba, un humidal de setenta hectáreas clasificado como Espazo Natural de Interese Local, con centenares de especies vexetais, máis de cento trinta de aves, 14 odonatos e unhas corenta de bolboretas, o itinerario discorre paralelo á vía do ferrocarril ata o lugar de Pontecabras, seguindo cara ao norte ata alcanzar a igrexa reitoral de Santa María de Alba, edificada orixinariamente no século XII en estilo románico, consagrada polo afamado arcebispo Diego Xelmírez e enteiramente reconstruída no XVIII. A súa torre campanario é típica dos templos rurais galegos.

Medio quilómetro máis adiante e tras pasar baixo as vías, a ruta transita por San Caetano de Alba, onde se atopa a capela homónima do XVIII, así como pola parroquia de Cerponzóns, polos frondosos bosques de Reirís e Lombo da Maceira. A partir de aquí entra en Barro, outro municipio do Camiño, a través dunha pequena ponte de pedra que cruza o regato chamado O Rego do Cárcere.

Visit-Pontevedra - Concello de Pontevedra Turismo de Pontevedra S. A.
CASA DA LUZ
Praza da Verdura s/n
36002 - Pontevedra
+34 986 090 890
Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.
  
Top

© 2017 Turismo de Pontevedra. Concello de Pontevedra.
Todos os dereitos reservados