A Ruta do Padre Sarmiento

Visit Pontevedra

Entre viñedos, vales e ríos, a Ruta do Padre Sarmiento penétranos na “comarca máis pintoresca que poida soñarse”, como dicía a escritora Emilia Pardo Bazán.

"O 19 de xullo de 1745 saín de Pontevedra a Santiago rodeando todo o Salnés. Comecei a miña viaxe reflectindo nestas páxinas a gran beleza da miña terra. Desexaba volver revivir a esencia dos fermosos lugares polos que fora camiñando. Así, ao meu regreso a Madrid poderíaos lembrar para sempre". Así sinalaba en Viaxe a Galicia (1754-55) Frei Martín Sarmiento a súa peregrinaxe percorrendo a costa, unha ruta recuperaba pola Mancomunidade do Salnés co obxectivo de convertela nunha alternativa ao Camiño de Santiago.

Coa mirada posta nas rías de Pontevedra e Arousa, discorre o camiño que Frei Martín Sarmiento realizou en 1745 para gañar o xubileu. Un carreiro de 190 quilómetros que percorre a nosa bela costa guiándonos cara a Santiago de Compostela. Unha ruta chea de historia, de natureza e de paisaxes que serán merecedores das mellores fotografías e dos máis belos recordos.

 

Etapa 1: Pontevedra - Sanxenxo

A ruta comeza en Pontevedra, seguindo o Camiño Portugués. Ao saír de Pontevedra cruzando a ponte do Burgo, o litoral da ría guíanos cara ao concello de Poio. O seu fermoso mosteiro é considerado a antesala da ruta que nos conducirá á comarca do Salnés.

O noso camiño diríxenos cara a Combarro, un símbolo da perfecta unión entre o azul do mar e unha terra labrada en granito. Camiñando entre as súas casas mariñeiras, hórreos e cruceiros, o paseo convídanos a imaxinar a historia da misteriosa illa de Tambo.

A ruta mergúllanos nunha costa caracterizada por recónditas calas, enseadas e recunchos maxestuosos que se abren ao mundo no miradoiro da Granxa. Desde alí, poderemos gozar unhas marabillosas vistas da ría de Pontevedra mentres camiñamos cara a Sanxenxo.

 

Etapa 2: Sanxenxo - O Grove

Sanxenxo é todo un paseo á beira do mar, o cal nos brinda no miradoiro de Punta Vicaño un espazo verde para o noso esparexemento. Camiño cara a Portonovo, deixaremos atrás unha paisaxe de praias urbanas e dirixirémonos cara a unha contorna máis natural.

Desde Punta Faxilda, son impresionantes as vistas da Illa de Ons. Na ermida da Lanzada, as lendas e rituais que envolven a antiga fortaleza enxalzan o espectáculo marítimo da zona. O océano Atlántico salpica coas súas augas os restos da torre que os Meiriños levantaron para defender Compostela. E é aquí, entre Sanxenxo e O Grove, onde atopamos unha das praias máis fermosas de Galicia, a Lanzada. Un lugar máxico, rodeado por todo un ecosistema dunar.

 

Etapa 3: O Grove - O Grove (Circular)

O Grove convida a gozar de paraxes onde natureza, historia e gastronomía descubrirannos as excelencias desta península. Unha etapa circular de 29 quilómetros guíanos por este municipio, considerado o paraíso do marisco.

O noso camiño ao centro da vila irá mostrando algúns dos seus mellores segredos. Fermosas vistas da Illa de Sálvora, xacementos arqueolóxicos, lagoas e un museo ao aire libre, son algúns dos seus tesouros.

Deixando atrás o porto do Grove avanzamos cara á Illa da Toxa, famosa polas súas augas termais. Alí teremos ocasión de visitar a súa peculiar Ermida, caracterizada por estar totalmente recuberta de cunchas de vieira.

A tres quilómetros de finalizar esta etapa, no miradoiro do Monte Siradella, poderemos gozar das vistas máis privilexiadas da ría de Arousa.

 

Etapa 4: O Grove - Cambados

Nesta etapa dirixímonos ao corazón do Salnés, as terras de Meaño. Antigas factorías de tellas (As Telleiras) engaden á riqueza da contorna o valor histórico das actividades cotiás da zona. Unha paisaxe de marismas e viñedos indícanos que estamos a piques de chegar a Cambados, a capital do viño Albariño.

O barrio mariñeiro de “Santo Tomei” mantén intacto o seu encanto de outrora. Casas revestidas de cunchas e monumentos como o pazo de Montesacro ou a Torre de San Sadurniño, reviven a grandeza dun pobo que loitou contra normandos e viquingos. A capital do Albariño convida a un tranquilo camiñar polas súas rúas de pedra, pazos señoriais e prazas. Esta Real Vila é en si mesma un dos conxuntos histórico artísticos máis admirados.

Na praza de Fefiñáns, unha das máis belas de Galicia, finalizaremos esta etapa.

 

Etapa 5: Cambados - A Illa de Arousa

No primeiro tramo desta etapa acharemos o Muíño de mareas da Seca, un dos poucos muíños de auga de mar que existen en Galicia e que nos sorprenderá pola súa peculiar enxeñería. Na actualidade áchase totalmente restaurado, funcionando como museo. Seguiremos o noso camiño bordeando a costa ata atopar unha ponte de dous quilómetros que nos conduce ao municipio da Illa de Arousa.

Alí poderemos gozar dun lugar idílico, marcado pola tradición pesqueira e rodeado das máis fermosas praias. O porto pesqueiro do Xufre, o Faro de Punta Cabalo, a ruta dos Cons (grandes rocas de granito esculpidas polo vento e as ondas) e o Miradoiro de Con do Forno son algúns dos atractivos que nos ofrece esta ruta.

O Peirao de Pau e o Museo da Conserva poñerán fin aos 18 quilómetros desta etapa.

 

Etapa 6: A Illa de Arousa - Vilanova de Arousa

Comezaremos esta etapa dirixíndonos ao Parque natural de Carreirón. Un lugar caracterizado polas súas praias de augas cristalinas e brancos areais. Debemos lembrar que nos achamos nunha zona de especial interese para o avistamento de aves.

Tras cruzar de novo a ponte, continuaremos o noso camiño cara ás praias do Terrón, un percorrido costeiro que nos leva ao centro de Vilanova de Arousa. Este municipio, que foi a terra natal do escritor Ramón del Valle-Inclán, permitiranos revivir a historia visitando a súa casa museo.

En Vilanova de Arousa, a Ruta do Padre Sarmiento conflúe coa Variante Espiritual do Camiño de Santiago, a cal a través da Translatio fai posible coñecer a orixe de todos os camiños.

 

Etapa 7: Vilanova de Arousa - Vilagarcía de Arousa

Desde o areal das Sinas dirixirémonos cara ao pobo mariñeiro de Vilaxoán. O parque botánico de Enrique Valdés Bermejo daranos a benvida a Vilagarcía de Arousa. Coñecida como “o Porto de Compostela”, aquí poderemos descubrir o Pazo de Vista Alegre, que xunto ao seu convento forman un conxunto arquitectónico de gran valor declarado monumento Histórico-Artístico Nacional.

O tramo máis urbano e comercial da nosa ruta guiaranos cara ao seu porto deportivo. A praia de Compostela conduciranos ata a vila mariñeira de Carril, desde onde poderemos contemplar Cortegada, unha illa verde na que crece o maior bosque de loureiro de toda Europa, con árbores de ata 13 metros de altura.

 

Etapa 8: Vilagarcía de Arousa - Padrón

Camiño cara a Catoira, acompañaranos unha paisaxe de bosques e marismas. A ría de Arousa entra ao encontro do río Ulla, creando unha fronteira natural que separa as provincias de Pontevedra e A Coruña.

As Torres do Oeste lémbrannos o seu esplendoroso pasado en defensa da vila compostelá e lévannos a evocar a última viaxe que fixeron os restos do Apóstolo remontado as augas do Ulla ata Pontecesures, camiño de Santiago de Compostela.

 

Etapa 9: Padrón - Santiago de Compostela

A partir de Padrón, a nosa ruta segue o trazado do Camiño Portugués a través de Iria Flavia, da Escravitude e de pequenos núcleos rurais do municipio de Teo. Xa estamos moi preto da Catedral de Santiago onde, do mesmo xeito que nós, Frei Sarmiento culminou a súa viaxe en 1745 para gañar o xubileu.

A Ruta do Padre Sarmiento

DISTANCIA
173 km

DURACIÓN
45 horas

DIFICULTADE
Fácil

ETAPAS
7

Visit-Pontevedra - Concello de Pontevedra Turismo de Pontevedra S. A.
CASA DA LUZ
Praza da Verdura s/n
36002 - Pontevedra
+34 986 090 890
Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.
  
Top

© 2017 Turismo de Pontevedra. Concello de Pontevedra.
Todos os dereitos reservados