Pontevedra VISITCARD



Bases e Modelo de adhesión a "Pontevedra VISITCARD"

RESOLUCIÓN DO CONSELLEIRO DELEGADO DO CONSELLO DE ADMINISTRACIÓN DE TURISMO DE PONTEVEDRA, SA POLA QUE SE APROBAN AS BASES E O MODELO DE ADHESIÓN A "PONTEVEDRA VISITCARD"

De conformidade co establecido nos Estatutos da Sociedade mercantil TURISMO DE PONTEVEDRA, SA son competencia do Consello de Administración as máis amplas facultades para todo o referente á representación da Sociedade, a administración e a xestión da mesma, así como a disposición do seu patrimonio, correspondéndolle todas as facultades non atribuídas pola lexislación vixente ou en virtude destes estatutos á outros órganos de goberno.

En sesión celebrada o 11 de novembro de 2009, o Consello de Administración da sociedade, de conformidade co previsto no artigo 21 dos Estatutos da sociedade, e coa finalidade de dotar a este dunha maior axilidade, operatividade e eficacia no exercicio das súas funcións designou Conselleiro Delegado, a Don Julio Castela Martínez, delegando nel todas as facultades do Consello de Administración, agás as indelegables e de conformidade co artigo 21 dos Estatutos polos que se rexe a Sociedade.

No exercicio destas atribucións é polo que RESOLVO:

ÚNICO.- Aprobar as BASES REGULADORAS DA TARXETA TURÍSTICA DE DESCONTOS "PONTEVEDRA VISITCARD", cuxo texto se insire a continuación:

BASES REGULADORAS DA TARXETA TURÍSTICA DE DESCONTOS PONTEVEDRA VISITCARD

Turismo de Pontevedra S.A. dentro da súa labor como entidade de promoción e comercialización de servizos e establecementos turísticos pon en funcionamento a "PONTEVEDRA VISITCARD", é unha ferramenta que se concibe como un elemento dinamizador da oferta turística e comercial do noso concello.

A través da creación da "Pontevedra Visitcard" preténdense acadar os seguintes obxectivos:

- Xerar unha imaxe de conxunto na oferta turística.
- Posicionar a cidade como punto de destino.
- Promover o consumo na cidade, tanto da propia cidadanía coma dos turistas.
- Incrementar o gasto medio por turista.
- Favorecer a afluencia de visitantes á cidade.
- Publicidade directa para os establecementos adheridos.

PRIMEIRO.- Funcionamento da Pontevedra Visitcard:

A Pontevedra Visitcard ofrecerá ao turista ou cidadán que a merque descontos en diversas actividades e compras, así como servizos especiais, durante un período de tempo (24, 48 ou 72 horas), garantindo un desconto directo e/ou oferta nos establecementos e/ou actividades adheridos.

Xunto coa tarxeta, os compradores recibirán un folleto - mapa despregable no que se indicarán os establecementos e servizos adheridos na cidade, e os descontos que ofrecen.

No punto de venta (Casa da Luz) activarase a tarxeta no momento da compra. Os establecementos adheridos poderán comprobar que se trata dunha tarxeta activa mediante un lector de tarxetas.

Os establecementos adheridos estarán identificados a través dun vinilo, colocado nun lugar visible e destacado para os visitantes, indicando así que o servizo está dispoñible nos seus negocios ou centros.

SEGUNDO.- Clases de tarxetas

PONTEVEDRA VISITCARD INDIVIDUAL.- A PONTEVEDRA VISITCARD individual é válida para unha persoa.

PONTEVEDRA VISITCARD FAMILIAR.- A PONTEVEDRA VISITCARD familiar está ideada para usar en familia. Válida para grupos familiares compostos por un ou dous adultos e os seus descendentes menores de idade.

TERCEIRO.- Prezo de venda.

Os prezos de venda da Pontevedra Visitcard son as seguintes:

- Tarxeta individual 24 horas: 12€
- Tarxeta individual 48 horas: 15€
- Tarxeta individual 72 horas: 18€
- Tarxeta familiar 24 horas: 21€
- Tarxeta familiar 48 horas: 23€
- Tarxeta familiar 72 horas: 25€

CUARTO.- Adhesión de establecementos comerciais e prestadores de servizos turísticos da cidade.

Poderán adherirse á PONTEVEDRA VISITCARD, aqueles establecementos comerciais e prestadores de servizos turísticos establecidos no termo municipal de Pontevedra.

Para que os distintos establecementos comerciais e prestadores de servizos turísticos da cidade poidan ofrecer descontos aos visitantes e cidadáns a través da PONTEVEDRA VISITCARD deberán achegar cuberto o modelo de solicitude de adhesión anexo as presentes bases no rexistro de entrada da sociedade mercantil, TURISMO DE PONTEVEDRA, SA, situado na rúa Michelena, 30, en horario de 9 a 13,30 horas, de luns a venres.

O prazo para a presentación das solicitudes de adhesión comezará o día 14 de marzo de 2011.

A ofertas que se incluán na solicitude de adhesión que presente cada establecemento comercial ou prestador de servizos turísticos da cidade deberán manterse durante un período mínimo de 12 meses.

A presentación da solicitude de adhesión supón unha vinculación contractual da empresa solicitante con Turismo de Pontevedra, SA, sen prexuízo de que Turismo de Pontevedra, SA poida rechazar aquelas ofertas que pola súa escasa relevancia ou que polas súas características non se axusten á finalidade pretendida coa tarxeta de desconto.

Unha vez recibido un número de solicitudes de adhesión que Turismo de Pontevedra, SA considere adecuado, editaranse os folletos-mapa no que se indicará os establecementos cuxa adhesión foi aceptada por Turismo de Pontevedra, SA e comezará a venda das tarxetas PONTEVEDRA VISITCARD.

A vista da a recepción de novas solicitudes de adhesión, irase reeditando o folleto-mapa e incluíndo novos establecementos dentro do sistema de descontos da tarxeta PONTEVEDRA VISITCARD.

QUINTO.- Incumprimento das condicións.

Os establecementos comerciais ou prestadores de servizos turísticos adheridos que non cumpran co establecido nas presentes bases serán dados de baixa da PONTEVEDRA VISIT CARD, sen prexuízo das responsabilidades que correspondan.

SEXTO.- Vixencia.

As presentes bases estarán vixentes ata o 31 de decembro de 2013, salvo que Turismo de Pontevedra, SA resolva o contrario.

Solicitude de Adhesión
Bases Pontevedra VISITCARD

Así o dispuxo o conselleiro delegado do Consello de Administración de Turismo de Pontevedra, SA, en Pontevedra a 11 de marzo de 2011.
O conselleiro delegado

Julio Castela Martínez

Más información en la web www.pontevedra-visitcard.com

11/03/2011