Na rúa de Don Filiberto 11, no centro histórico, atópase un dos edificios máis cargados de lenda da cidade: a Casa das Campás.
Aínda que as súas orixes non están claras, é considerada a construción civil máis antiga e mellor conservada de toda a cidade. Trátase dunha edificación de tres plantas con tres portas con grandes doelas, trazos característicos do s. XV, das cales dúas rematan en arco conopial e a outra é plana.
Entre os vans da fachada no primeiro andar hai dous escudos heráldicos labrados en pedra. O máis pequeno representa dúas esporas e dous caldeiros. Identifícase como pertencente á liñaxe da familia Puga, señores de Regodeigón, en Ribadavia. O outro, consiste nunha garza que sostén un escudo acuartelado alternando un contrafaixado, un león e cinco rodas en aspa. É atribuído por algúns autores á familia García Camba.
A primeira referencia que existe da Casa das Campás data de 1587. Por aquel tempo, no lugar que ocupa o Teatro Principal, o edificio fronte ao que está situado, estaba a igrexa de San Bartolomeu o Vello. Por razóns que se descoñecen, nun principio o templo non dispuña de campanario, e para chamar a freguesía usábase o carillón da casa dos Puga, que nesa época pasara a mans da comunidade beneditina de San Salvador de Lérez. De aí que esta vivenda sexa coñecida co nome da Casa das Campás.
A partir de 1939 a casa foi coñecida como Bar Pitillo polo bar que había no baixo da casa no que se adoitaba obsequiar á clientela cun cigarro. En 2000 foi adquirida polo Concello de Pontevedra coa finalidade de restaurala. Hoxe é a sede da Vicerreitoría do Campus de Pontevedra da Universidade de Vigo.
Conta a lenda que o sanguinario pirata Benito Soto, capitán do Burla Negra, logo das súas incursións por Cabo Verde, as Azores ou Canarias, volveu á súa terra e antes de ser axustizado polos ingleses en 1830, deixou entre as paredes desta casa unha gran fortuna.
Rúa de Don Filiberto, 9
36002, Pontevedra
Coordenadas WGS84 (Google):
Lat: 42°25'56.00"N
Lnx: 8°38'46.10"O
© 2017 Turismo de Pontevedra. Concello de Pontevedra.
Todos os dereitos reservados